Cortes de Muar
- Estudio
- Ekinocio Comunicación
- Cliente
- Germán e Rita García
- Ano
- 2012
Cortes de Muar é o resultado do relevo da segunda xeración de queixeiros dunha queixería artesá de Silleda. O proxecto consistiu en desenvolver o concepto de venda completo con eles, desde o nome, pasando polas aplicacións gráficas até o packaging. Comezamos por xerar unha historia que supuxese o punto de partida para construir o resto de elementos.
O produto depende directamente da calidade do leite das vacas da zona, ademais do bo facer dos artesáns, polo que buscamos a maneira de homenaxear directamente ás protagonistas, xogando co dobre sentido da palabra “corte”, convertíndoas en raíñas. Como a queixería non ten produción propia de leite, senón que se abastece dos produtores da zona, escollimos os nomes máis populares de vacas galegas que comezasen por “M” e xeramos un universo arredor desta letra que evoca o seu muar.
Á hora de vestir o queixo, tomámolo de xeito literal, facéndolle unha etiqueta con xeito de saia que cubre a tetilla, completándoa cun corpo de vaca-raíña. Así naceron as Marelas, ás que logo seguiron distintas adaptacións de forma, para outras variedades de queixo redondo, Mimosas e Marquesas, etc. As premisas que quixemos manter eran empregar únicamente cartón para que se poidese reciclar facilmente e tentar reducir costes co uso dunha soa tinta, negro. O resultado é unha embalaxe divertida, que chama a atención, posiciona o produto nas tendas delicatesen, e fai que un queixo do país constitúa un bo agasallo para calquera ocasión.