Feet - Foro de edición e tipografía, 2010

As diferentes estratexias e soportes utilizados hoxe en día no eido da edición servirán de base para a reflexión neste foro, que se desenvolverá entre os días 2, 3, 4, 16, 17 e 18 de decembro na Casa das Campás en Pontevedra.

Organizado pola Asociación Galega de Deseñadores, feet 2010 foro de edición e tipografía, pretende continuar coas reflexións, discusións e liñas de investigación abertas sobre este tema desde plataformas distintas como o Proxecto-Edición (realizado en Galicia entre 2006 e 2008), o Werkplaats Typografie (en Holanda), Rumbos de Edición (na Arxentina) ou a oficina do cego (en Portugal).

O obxectivo de todos estes eventos foi crear redes de traballo e investigación sobre publicacións que se estaban a desenvolver no campo da arte, do deseño e da tipografía. Con este mesmo ánimo encaramos este foro en Pontevedra, porque a edición é un tema de plena actualidade no que se están a producir cada vez máis novidades.

A información e os medios están cambiando continuamente. O que onte era ficción hoxe queda obsoleto, e os e-books son tan reais coma o papel, cunha potencialidade inmensa como arquivo.

Sen dúbida ningunha, convertéronse no medio de documentación por excelencia. Mais, no que respecta ao goce dos sentidos e ao pracer, resulta difícil competir coa simplicidade dunha folla de papel. Un soporte, que a pesar das enormes transformacións tecnolóxicas, non mudou tanto en relación coas producións de Gutenberg.

Neste momento, a edición –contra todas as previsións e agoiros pesimistas– está máis vixente ca nunca, e quizais nunca antes se lle prestou tanta atención a cada un dos elementos implicados no proceso: os contidos, a tipografía, os materiais, a forma, o tacto, o cheiro... Acaso somos máis conscientes da edición en papel?

Nós investimos horas, ilusións e esforzos en organizar este evento. O noso traballo está feito. Agora tócavos a todos vós aproveitar esta plataforma de reflexión e intercambio participando nela.

Enmárcase Feet no proxecto Creativa, programa cultural interdisciplinar levado a cabo conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a Direccão Regional de Cultura do Norte co financiamento dos fondos FEDER da UE, e pertencente ao Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

Obras seleccionadas



Participa

Ata o dia 28 de novembro.

Se editaches unha publicación especial no campo da arte, do deseño ou da tipografía, en calquera formato ou material, podes enviala á DAG e formar parte do feet 2010. Do 2 ao 18 expoñeranse na Casa das Campás en Pontevedra.

Na exposición:

Desexas presentar o teu proxecto?

  1. Envíanos un correo a info@asociaciondag.org coa seguinte información: Nome, enderezo, teléfono, correo electrónico e unha pequena biografía persoal de 10 liñas como máximo. Dentro do apartado das características da obra inclúe: o título, o n.º de páxinas, o tipo de encadernación, unha breve descrición desta (10 liñas aproximadamente) e tamén dúas fotos (portada e interior)
  2. Remítenos a publicación ao seguinte enderezo:
    Apartado de Correos 2131 - 15780 Santiago de Compostela
  3. Imprime o texto que aparece a continuación e asínao como confirmación de que aceptas todos os termos:

A mostra Feet é un proxecto non comercial que se desenvolverá na Casa das Campás en Pontevedra do día 2 ao 18 de decembro.

Feet non se fai cargo dos portes de envío nin de retorno. No caso de renunciar á devolución da obra, os autores dan o seu consentimento para que os libros pasen a formar parte da Biblioteca da DAG.

A organización non se responsabiliza dos posibles danos causados ás obras durante a exposición ou o envío, nin, se se dese o caso, do roubo.

Nos talleres:

Inscríbete e participa!

Todas as actividades do foro son libres e gratuítas, pero para participar nos talleres requírese preinscrición.

Envíanos un breve currículo xunto cunha pequena explicación dos motivos polos que queres participar a info@asociaciondag.org:

Taller de edición de Pepe Murciego e Diego Ortiz de La Más Bella que impartirán os días 2, 3 e 4 de decembro.

Taller de tipografía, co deseñador catalán Andreu Balius como mestre de cerimonia, e que se desenvolverá ao longo do 16, 17 e 18 de decembro.

As prazas son limitadas.

Programa

Seis días ao longo dos que se desenvolverán obradoiros, presentacións, debates, performance... A Casa das Campás converterase nun escaparate de aventuras editoriais vangardistas e tamén nun espazo para compartir experiencias sobre proxectos editoriais especiais e libros de artista.

Só se precisa preinscrición nos obradoiros. As mesas e presentacións están abertas a todo o público. Sodes benvidos!

Foro edición

Xoves, 2 de decembro

11.00 h: Apertura do feet

11.15 – 20.00 h: Taller de edición e xestión de revistas de arte experimentais con La Más Bella


Venres, 3 de decembro

10.00 – 19.00 h: Taller de edición e xestión de revistas de arte experimentais con La Más Bella

19.30 h: Nuno Coelho e Adam Kershaw presentarán a súa obra:

Uma terra sem gente para gente sem terra - Um livro de colorir sobre a Palestina


Sábado, 4 de decembro

11.00 h: Mesa redonda “A edición como campo aberto de expresión”

Participarán: Manuel Bragado, Tati Mancebo, Pepe Barro, Nuno Coelho, Ángel Cerviño, Isabel Carvalho e Pedro Nora (Braço de Ferro)

13:00 h: Presentación performática de Pepe Murciego sobre a edición realizada polos participantes no taller de La Más Bella

Peche do taller e aperitivo


Foro tipografía

Xoves, 16 de decembro

11.00 – 19.00 h: Introdución á tipografía con Andreu Balius

19.30 h: Conferencia de Marcos Dopico

Aínda que chova... deseña. Deseño gráfico en Galicia na era global


Venres, 17 de decembro

9.30 – 19.00 h: Introdución á tipografía con Andreu Balius

19.30 h: Conferencia de Dino dos Santos

DSType Foundry: Deseño de tipos para xornais


Sábado, 18 de decembro

10.00 – 14.00 h: Introdución á tipografía con Andreu Balius

Do 2 ao 18 de decembro poderase visitar na Casa das Campás unha exposición con obras de Braço de Ferro, Editorial Clase Turista, La Más Bella, Shift!, Oficina do Cego, entre outras editoras.

A mostra feet permanecerá aberta de luns a sábado en horario de 18.00 - 21.00 h.