Randeeira Cándida
Sempre quixemos facer unha randeeira. Cada vez que nos atopabamos con unha, mediámola, probabámola, tentabamos entender que fai que esta peza de mobiliario se converta nun regazo tan acolledor como é unha randeeira.
E empezamos a debuxar; sinxelos bosquexos na esquina dalgún plano ou no pano de papel dalgún bar, plasmando ideas do que debería ser e do que finalmente resultou ser Cándida.
Cándida é, como non, madeira pero tamén esvelteza. Queriamos demostrar que este material non ten que ser basto para dar sensación de estabilidade e resistencia. Quixemos levar a súa lixeireza ao extremo e que a sensación que produce ao vela acompañe o movemento cando se abala candidamente.