
Suso Vázquez Gómez
Deseñador gráfico en Desescribir
Fundado no ano 2008, Desescribir está formado por Cibrán Rico López (A Coruña, 1978) e Suso Vázquez Gómez (Vigo, 1978), ambos licenciados en Arquitectura pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.
Somos un estudio de deseño que desenvolve proxectos de identidade visual, deseño editorial e deseño estratéxico cun enfoque integral. Dende a elaboración dos conceptos iniciais aos últimos procesos de produción, desenvolvemos propostas motivadas polo impulso de resolver necesidades reais e que contribúan a comunicar ideas dunha maneira eficaz.
Os traballos desenvolvidos no estudio acadaron múltiples recoñecementos en certames de deseño de prestixio de ámbito nacional e internacional: 14 LAUS do ADG-FAD (Barcelona), 2 D&AD Awards (Londres), 3 Premios Paraugas do Clúster de Comunicación de Galicia e o Premio PhotoEspaña 2014 (Madrid).
Temos participado como docentes no Grao de Publicidade e Relacións Públicas e no Máster de Gráfica Publicitaria da Universidade de Vigo. Fomos tamén profesores de deseño editorial na Escola de Deseño e Moda ESDEMGA adscrita á mesma universidade. Impartimos numerosos cursos, charlas e talleres de deseño gráfico e deseño editorial en distintas universidades, certames e escolas de deseño.
En 2012 fundamos Fabulatorio, unha editorial independente centrada en proxectos sobre arte, deseño e cultura visual. O segundo título publicado por Fabulatorio foi incluído na lista dos mellores libros de fotografía do mundo do ano 2014 que publica o ICP (International Center of Photography) de Nova York.
Entre os anos 2014 e 2017 formamos parte da Xunta Directiva da DAG e actuamos como presidente da asociación (Suso Vázquez) e vogal (Cibrán Rico).