Fig. 1. Cabeceira do xornal La Oliva

Fig. 2. Cabeceira do xornal El Miño

Fig. 3. Faro de Vigo

Moitos recursos gráficos que cremos achados da modernidade veñen xa de atrás. É o caso desta solución empregada para indicar a continuidade entre os xornáis La Oliva e El Miño, dous nomes distintos pero que son un mesmo logotipo, cambian varias letras, pero coñecendo La Oliva co logotipo da figura 1, se mañá desaparece e xurde nos quioscos El Miño co logotipo da figura 2, estaremos certos de que son parentes, irmáns xemelgos e mesmo daremos intuído que este é continuación de aquel. E isto sucede por utilizar o mesmo tipo, certamente un tipo ben exquisito, que dirían en Portugal. Velaquí o caso.

A mediados do século XIX, os progresistas de Vigo deciden financiar un xornal que dé a batalla ao conservador Faro de Vigo, fundado en 1853 (fig. 3). Alejandro Chao é quen recibe a encomenda da administración e posta en marcha do proxecto, chamando a Vigo aos seus amigos e correlixionarios, o impresor Juan Compañel e o xornalista Manuel Murguía, ambolosdous mozos e naquela altura residentes en Madrid. Velaquí o nucleo que dá corpo a La Oliva, que ve a luz en 1856, na rúa Real de Vigo. Finalmente Murguía non abandona as súas colaboraciónns na prensa progresista madrileña, pero si Compañel, que deixa a imprenta que dirixe en Madrid e desembarca en Vigo. Murguía exercerá a distancia de conselleiro e “director literario”, aínda que en 1859 accede a vivir en Vigo durante cinco meses, mesmo acompañado de Rosalía coa que ven de casar o ano anterior, para sustituir a Compañel no xornal ante unha viaxe deste á capital española.

Alejandro Chao, Juan Compañel e Manuel Murguía, tamén Rosalía, forman parte dunha xeración que naquelas catro remotas provincias do noroeste de España saben ver un antigo reino, un pequeno país de Europa chamado Galicia e traballan pola súa dignidade. Con La Oliva-El Miño sobordan os límites do progresismo dando pulo á idea de Galicia; do mesmo xeito sobordan a difusión local, viguesa, para acadar unha incipiente influenza nacional, galega.

Fig. 4. Etiquetas da colección Bouza Brey

Juan Compañel é un impresor formado no obradoiro familiar compostelano (ver na figura 4 as etiquetas da colección Bouza Brey), e xa en Madrid rexe unha imprenta que publica os primeiros xornáis “obreiros” no territorio do estado español. En Vigo logo se fai propietario da imprenta e mesmo do xornal progresista, exercendo como director desde 1859. Pero en 1857 ocorrera xa o cambio de nome, que non de logo, porque La Oliva é suspendido pola autoridade e Compañel idea El Miño como “periódico no político y de intereses materiales y morales” segundo a noticia publicada en La Iberia de Madrid. Evidentemente “no político” é unha calificación necesaria para cumprir a lei, unha declaración puramente retórica.

Pero debo recoñecer que a visión deste logotipo La Oliva-El Miño fíxome crer que o impresor-editor Juan Compañel tiña debuxado el mesmo as letras, deseñando un tipo estrambótico que levou o deseñador a lugares sen saída como o ollo do “E”, no que claramente non hai sitio de abondo para tanto remate, ou ese “O” deitado que para min é prestado doutra familia… Todo nun resultado absolutamente extravagante para unhas letras que invirten a orde clásica de distribución de grosos e finos, plantexando un tipo exípcio bodonizado ou ao revés, un bodoni faraónico. Debo recoñecer que vin debuxar a Compañel, construíndo un logotipo que, como diría o deseñador América Sánchez, para quitalo do ollo tes que ir a Barraquer.

Pero non, Compañel só é responsable da elección do tipo Italian, como foi denominado polo seu deseñador, Henry Caslon II (1786-1850), un dos moitos Caslon da saga tipográfica inglesa de máis prestixio. Para quedar pasmado.

Fig. 5-a. Mostra do tipo Italian publicado no Specimen de 1842

Fig. 5-b. Mostra do tipo Italian publicado no Specimen de 1842

Fig. 5-c. Mostra do tipo Italian publicado no Specimen de 1842

Fig. 6. Karloff Negative deseñada por Peter Bilak

Fig. 7.sds

A primeira metade do século XIX é dalgún xeito unha época dourada para comunicación visual: Os xornáis esténdense a localidades diversas, competindo varios nunha mesma praza; proliferan as follas voandeiras que anuncian produtos, servizos ou ideas políticas; é o momento no que os cartaces comezan a izar as rúas; a alfabetización gaña lectores que engrosan as tiraxes dos libros e as diferentes industrias desenvolven o xénero do catálogo para ofrecer os seus produtos, como é o caso do propio Specimen of Pninting Types que en diferentes anos publica Henry Caslon. Velaquí na imaxe adxunta (fig. 5-a-b-c) o tipo Italian publicado no Specimen de 1842, que acada as seiscentas páxinas ateigadas de tipos que as imprentas de Europa e América consultan para mercar os que precisan. Vexo a man de Compañel marcando a páxina do Italian. Son os tempos dun fervedoiro de deseño nos que fundicións tipográficas de todo o mundo compiten por fornecer os tipos máis rechamantes, que enganchen o ollo dos lectores nos anuncios dos xornáis, nos cartaces das rúas. Neste rebulir aparecen por primeira vez as familias tipográficas de pau seco, as exípcias ou as clarendon, sen contar un sen fin de tipos de fantasía e adorno que por sorte non acadan o canon tipográfico. Pero ao parecer, entre todos os tipos editados nesta época, ningún ten suscitado tanto consenso coma este Italian —seica os deseñadores de tipos tiñan en pouca estima os que viñan de Italia—, presentado por primeira vez en 1821 e que xa tres anos máis tarde era alcumado de “monstrosidade tipográfica” e a principios do século vinte foi definido como “unha expresión crúa da perversidade”, moitos cualificárono sen máis como “dexenerado”, aínda que a súa “fealdade” ten suscitado a simpatía de varios deseñadores de tipos actuais como Peter Bilak, que chega a deseñar e editar o Karloff Negative (fig.6), unha versión do Italian de Caslon, nomeado como o actor que mellor encarnou ao monstro de Frankestein.

Compañel quería facerse notar e, contra a normalidade gráfica do Faro de Vigo, elixe un tipo rechamante, que mesmo eleva á categoría de símbolo cando ten que facer o cambio a El Miño, e así o estrambótico Italian de Caslon estivo na cabeceira do progresismo galeguista até 1864, ano no que Compañel decide o retorno á orde e sustitúe este tipo por un exípcio de alto peso pero cun deseño moi normal (fig. 7).

Pero o impresor-editor foi aínda máis alá da tipografía. La Oliva é un título con referencia local viguesa, remite a aquela oliveira plantada no adro da colexiata que sobrevive ao estoupido dun polvorín e ao derrube da primitiva igrexa románica; aínda hoxe unha filla daquela oliveira medra no Paseo de Alfonso XII. El Miño é un referente galego, un río transversal ao territorio do país que por iso mesmo, anos máis tarde, vai inspirar a fermosa sobreescrita ao deseño da bandeira galega. Pero vexamos tamén que pon debaixo dos logotipos. Desde o número 106 La Oliva subtitúlase “Periódico de Galicia”, a primeira vez que isto ocorre na prensa galega e Compañel será aínda máis explícito se reparamos no lema incorporado á cabeceira anos máis tarde (fig. 7) : “Todo por Galicia, todo para Galicia”. Con este texto quérese honrar ao xornal El Porvenir (fig. 8), que con “Todo para Galicia” sinalaba claramente as intencións do seu director, Antolín Faraldo, o líder da revolución galega de 1846. O xornal de Faraldo imprimíase en Compostela, na imprenta familiar dos Compañel.

En 1868, Compañel decide facer desaparecer El Miño e recuperar e honrar a prohibida La Oliva, son os tempos da proclamación da primeira república española e Eduardo Chao, o irmán máis vello de Alejandro, é nomeado ministro. Anos máis tarde, en 1873, Compañel acepta un cargo político en Ourense e, canso de batallas e farto de multas, pecha o xornal.

A historia ten aínda outros capítulos só aquí enunciados: emigrados a Cuba, Alejandro Chao merca La Propaganda literaria en 1876 coa axuda de Compañel. Con esta casa editora cubana, Chao botará adiante desde Madrid La Ilustración gallega y asturiana (1878-1882), dirixida por Manuel Murguía. Compañel xa editara Cantares gallegos de Rosalía de Castro en 1863, será Alejandro Chao quen edite Follas novas en 1880.

En 2013, no ano que celebramos os cento cincuenta de Cantares gallegos, a fermosa Biblioteca Pública Central de Vigo foi nomeada Juan Compañel.

Quen precise máis información sobre Compañel debe consultar o artigo de Xurxo Martínez:

Dúas versións actuais do tipo Italian á venda:

https://www.typotheque.com/fonts/karloff_negative

http://www.myfonts.com/fonts/apostrof/caslon1821/

Fig. 8. Cabeceira do xornal El porvenirf