10 Premios Graphics para Teiga Estudio
O estudio fundado polo noso socio Xosé Teiga consegue un ouro e nove pratas no certame estadounidense de deseño.
Imaxe: Teiga Estudio
Tras máis de 20 anos de traxectoria, o estudio de Xosé Teiga, especializado en branding, marketing dixital, publicidade e deseño, acumula galardóns polo traballo realizado, sobre todo, para empresas e marcas galegas recoñecidas como a-emotional light, D-Due, Orquestra de Jazz de Galicia, Hotel Bela Fisterra ou Librería Formatos.
O ouro, na categoría de deseño, foi para un cartel que anunciaba un reto solidario impulsado polos ximnasios Máis que Auga. As nove pratas foron, en diferentes categorías, para os deseños web da empresa de obras hidráulicas Espina y Delfín e de Blanco Ramos Estética; e para catro carteis, o do reto solidario na honra de Sarah Thomas de Máis que Auga, o de Running tamén para Máis que Auga e os feitos para o hotel Bela Fisterra dos concertos de Budiño e Bushe.
Os Graphis Awards son uns prestixiosos premios internacionais de deseño e comunicación que distinguen o mellor do ano en diferentes apartados (deseño, publicidade, ilustración, fotografía, tipografía, etc.) a nivel mundial. E non é o primeiro ano que Teiga Estudio consegue premios neste certame.
Salientamos tamén que Xosé Teiga formará parte do xurado dos VAND Design Award, xunto con grandes referentes do deseño. Estes premios, de eido tamén internacional organizados polo Vand Institute de Francia, celebran a excelencia e a innovación no deseño.