10ª Edición dos Premios Paraugas
Mañá 21 de novembro terá lugar a entrega dos Premios Paraugas 2025 no teatro Jofre de Ferrol. Nesta décima edición, a organización unificou categorías para adaptarse ao novo contexto do sector.
A nova proposta formula unha simplificación de categorías, incorporando criterios transversais como a responsabilidade social ou a sustentabilidade, e equilibrando o peso entre disciplinas con maior representación (deseño, creatividade e márketing).
Os premios estrutúranse en tres bloques: premios por categorías, premios especiais e premios honoríficos. Dentro dos premios por categorías están seleccionados os traballos de varios compañeiros e compañeiras de DAG.
Na categoría de Mellor produción gráfica atopamos dous traballos de Desoños: a gráfica expositiva Impresións de Castelao en Vigo realizado con Imprimeverde, e o libro Unha árbore de historias, feito con Gráficas Anduriña. O terceiro traballo seleccionado é o libro Sempre Libres e Vivas de Uqui Permui, tamén realizado con Gráficas Anduriña.
Na categoría de Mellor solución de deseño, atopamos o traballo de rebranding de Costa para a Cámara Mineira de Galicia e o deseño da marca Betanzos de mobiliario urbano onde participou Nuria Carballo.
O resto de categorías son: Premio Paraugas á mellor idea creativa, Premio Paraugas á mellor campaña publicitaria, Premio Paraugas á mellor estratexia de márketing, Premio Paraugas á mellor acción de branding, Premio Paraugas á mellor estratexia global de comunicación, Premio Paraugas á estratexia máis eficaz, Premio Paraugas ao mellor evento profesional ou corporativo, e Premio Paraugas ao mellor evento cultural, gastronómico ou musical.
O Cluster da Comunicación de Galicia establece ademais os seguintes premios especiais: Premio Paraugas novos talentos, Premio especial do público, Premio Paraugas Galicia Calidade, Premio Paraugas ao anunciante do ano e Premio Paraugas de ouro. E dous premios honoríficos, o de Comunicación para Santiago Rey Vernández-Latorre e o de Creatividade para Marisa Guitián Martínez.
Moita sorte a todas as participantes e parabéns por estaren xa seleccionadas!