15 Encontro Galego de Ilustración
Este ano, o Encontro Galego de Ilustración que organiza anualmente a AGPI chega á súa edición número 15, e ofrece máis contidos e actividades de interese tanto para profesionais como para o público xeral. A maioría das actividades decorrerá na Unitaria (o venres 28) e no Auditorio de Galicia (o sábado 29).
Convidados de relevancia internacional
Os convidados principais deste ano son tres nomes de grande relevancia dentro do panorama actual da ilustración: Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo.
Ana Galvañ, murciana localizada en Madrid, ten realizado traballos de ilustración e cartelaría para empresas e institucións como Lonely Planet, Unicef ou Matadero Madrid. É unha das autoras de banda deseñada máis interesantes e innovadoras da actualidade, e o seu libro Pulse enter para continuar está a piques de publicarse no mercado estadounidense da man da prestixiosa editora Fantagraphics.
O asturiano Juan Díaz-Faes é un ilustrador multidisciplinar, especializado en deseño de estampados téxtiles e ilustración de produto. Colabora en revistas como Yorokobu ou Ling e ten traballado para marcas como Vodafone ou Ikea. É coautor de varios libros, como Treinteenagers, con Carlos G. Miranda (Lunwerg), ou Cien pelis para ver y darle al coco, con Borja Crespo (Yorokobu).
Pola súa parte, a longa traxectoria do catalán Miguel Gallardo está ligada nos seus inicios á lendaria revista El Víbora, na que creou personaxes tan icónicos como Makoki ou El Niñato. Despois ten forxado unha sólida traxectoria internacional como ilustrador editorial, colaborando con medios como New Yorker ou Herald Tribune (que lle teñen valido dous premios da Society of Newspaper Design). En 2007 publicou a novela gráfica María y yo, que narra as súas experiencias coa súa filla con autismo. O libro, de grande éxito, foi adaptado posteriormente ao cinema, e en 2015 tivo unha continuación, María cumple 20 años.
Programa atraente
O venres 28 a Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle dúas actividades: un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo —co irónico título de «Eu non sei debuxar»— e unha nova sesión da Ilustranoite, formato en que unha decena de ilustradores e ilustradoras de Galicia presentarán os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual.
O sábado 29, durante toda a xornada no Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela), terán lugar as charlas de Galvañ, Díaz-Faes e Gallardo. Ademais, haberá un panel de experiencias en que os galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos falarán da súa visión como ilustradores para a industria téxtil galega.
Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición de 15 euros. Toda a información pode consultarse na web de AGPI.