3 Premios Pentawards para o deseñador Roberto Núñez
O traballo de rebranding realizado para as adegas Ramón do Casar foi galardonado con 3 Premios na categoría de bebidas. En concreto, 2 Pentawards de bronce e unha nominación para o viño Varietal.
O novo posicionamento da marca, a renovación da súa identidade e o novo empaquetado desenvolvido polo estudio do noso socio Roberto Núñez conseguiu transmitir nunha presentación singular a historia de reinvención e superación persoal que hai detrás. Os inicios da prestixiosa adega remóntanse ao ano 1955 cando Ramón, emigrante galego, viaxa a Venezuela para loitar por un futuro mellor. Baixo o lema «Desde 1955 partiendo de cero», Ramón do Casar fala dun percorrido vital e dunha filosofía de traballo de reinvención constante. A busca incesante da excelencia enolóxica permitiu á adega de Prado de Miño posicionarse entre as máis premiadas do panorama internacional.
Esta edición dos Premios Pentawards de Deseño recibiron proxectos de 65 países diferentes. O xurado escolleu os mellores das diversas categorías tendo en conta criterios como a excelencia estratéxica, a calidade do deseño, a expresión da marca, o nivel de creatividade e innovación ou a capacidade de conectar emocionalmente coas persoas consumidoras.
No próximo ano, todos os proxectos premiados formarán parte do libro The Package Design Book, editado por Taschen, unha publicación internacional de referencia no branding e no deseño de packaging.