A DAG organiza o 2º Encontro do deseño galego na Casa-Museo Rosalía de Castro
Despois de varios intentos, por fin podemos «encontrarnos» e retomar este proxecto iniciado en Rianxo en 2015 con intención de compartir entre nós a experiencia da profesión. Será o sábado 27 de maio, na Casa-Museo Rosalía en Padrón.
Os encontros buscan o intercambio de ideas e a reflexión sobre a profesión nun ambiente cercano, distendido, amigable e aberto á comunidade de profesionais. Despois da primeira e magnífica experiencia en Rianxo, o Museo Casa Rosalía de Castro serve de sede para coñecer ademais dúas intervencións realizadas no espazo: a rehabilitación interna do auditorio onde desenvolveremos a xornada, feita polo estudio de arquitectura Gil Pita-Nieto Peñamaría, e a renovación museográfica realizada polo socio Pepe Barro.
Durante a xornada teremos oportunidade de coñecer un pouco mellor o proxecto AR\DE con María Ramos, Óscar Otero e o estudio Desoños, falaremos dos pasos seguintes para a creación dese arquivo do deseño galego, debateremos sobre as relacións profesionais e a creación de redes para xerar comunidade, e gozaremos dunha presentación de proxectos con Luis Gil e Cristina Nieto, Iago Barreiro e Alberto Carballido do estudio Novagarda, Paula Cantero de Origami, Ana Besada de Slab e Fernando Ponte de Abisal. Remataremos a xornada cunha visita guiada ao museo da man de Pepe Barro.
Para que o encontro poida levarse a cabo contamos coa colaboración da Casa-Museo Rosalía de Castro, de Axeitos, e dos compañeiros e compañeiras de DAG que participarán na xornada. A imaxe gráfica é da socia María Agra.
A asistencia é de balde e está aberta a profesionais, estudantes e persoas interesadas no deseño, mais hai que inscribirse previamente aquí antes do 23 de maio.
Contamos con todos e todas vós para poñer en común ideas, opinións, experiencias e coñecementos.