A DAG participa na xornada «Crecer co deseño» organizada por GAIN
O ciclo «Deseño e emprendemento» organizado pola Axencia Galega de Innovación dentro do Programa Diferenza, presenta unha primeira xornada o próximo xoves 16 de xuño dirixida á comunidade emprendedora co obxectivo de explicar e visibilizar a utilidade do deseño como ferramenta de innovación e competitividade empresarial.
A xornada está dirixida a promotores e promotoras de proxectos dentro das incubadoras, aceleradoras e viveiros da zona de Vigo como o Business Factory Auto, HighTechAuto ou ViaGalicia, para que coñezan o valor estratéxico do deseño e o integren desde o comezo no seus negocios. Mais, polo seu carácter transversal, o evento estará aberto ao público en xeral e poderá seguirse por streaming.
A DAG estará representada por Noelia Estévez, do estudio vigués Desoños, que falará da visión que ten a asociación do deseño, o traballo que vén realizando para visibilizar o sector e da importancia de aplicalo desde os primeiros pasos dun negocio. Ademais na xornada participarán Nuria Carballo, tamén socia de DAG, en representación do Clúster da Comunicación, Alicia Chavero experta en deseño estratéxico e Alberto Montiel socio fundador do estudio Fruto DS. Patricia López, pola súa banda, en representación da Gain, falará dos avances do Programa Diferenza.
A partir das 12:30 h as persoas participantes que se atopen no Centro de Negocios Porto do Molle de Nigrán poderán facer networking e intercambiar opinións.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 Diferenza ofrece varias actividades de divulgación, formación e asesoramento en coordinación cos diferentes programas da Rede de Aceleradoras da Xunta de Galicia. Neste caso conta tamén co apoio do Consorcio da Zona Franca de Vigo e coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica.