A DAG participa no XXV Encontro para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega
O vindeiro 17 de outubro, a DAG estará presente nunha mesa redonda dentro do XXV Encontro para a Normalización Lingüística que organiza o Consello da Cultura Galega. O noso presidente Xóse García será quen nos represente como entidade na xornada de mañá.
Este ano no que o Consello da Cultura Galega celebra o seu 40 aniversario como entidade, celebra tamén 25 anos destes encontros que naceron como un foro dedicado á información e á reflexión sobre a situación da lingua galega, un lugar de intercambio de experiencias e presentacións de proxectos, de elaboración e lanzamento de propostas de futuro.
O Encontro tamén quere ser un espazo aberto á pluralidade e á construción colectiva. Deste xeito, este ano pon o foco no ámbito socioecónomico e as intervencións que se verán na xornada son presentacións de experiencias e iniciativas normalizadoras deseñadas por profesionais e entidades do ámbito público e privado. Haberá espazo tamén para o diálogo con empresas que pola súa actividade e a súa relación de servizo con outras se converten en amplificadoras do uso da lingua. E falarase dos dereitos das persoas usuarias e comsumidoras, do seu cumprimento, cunha mirada propositiva de mellora da presenza da lingua galega no tecido comercial e empresarial.
A xornada está dividida en dúas sesións, de mañá e de tarde, e terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi). A inscrición é gratuíta ata completar o aforo.