A DAG presenta AR\DE, o Arquivo do Deseño Galego
ARDE.gal é unha nova plataforma sobre a historia do deseño en Galicia. Bota a andar coa creación dunha base de datos; unha lista de referencias para coñecer o legado histórico que deixan as obras, entidades e persoas que tratan o deseño galego nas súas distintas disciplinas.
O Arquivo do Deseño Galego AR\DE é unha iniciativa da DAG, que busca funcionar como plataforma dixital para a documentación da historia do deseño en Galicia, facilitando a investigación, a preservación e o estudo do noso patrimonio histórico.
O sitio web conta, no momento do seu lanzamento, con máis de 100 referencias bibliográficas e preto de 200 entradas con distintos recursos e fontes de documentación sobre a historia do deseño galego. Inclúense máis de 80 autorías diferentes e unhas 50 entidades editoras. Ademais, pódense encontrar ao redor de 100 referencias a deseñadoras e deseñadores en disciplinas como o deseño gráfico, o deseño industrial e de produto, o deseño dixital e o deseño de espazos.
AR\DE nace coa vontade de converterse, no futuro, nun Arquivo do Deseño Galego que documente e catalogue pezas relevantes da nosa historia. A través da web, o grupo de traballo de AR\DE formado por María Ramos, María Agra, Óscar Otero e Ana Boquete, anima tanto a persoas asociadas á DAG como ao público en xeral a colaborar, enviando recursos e referencias que coñezan e boten en falta na web.
Para a realización da identidade visual e o deseño web do proxecto fíxose unha chamada a proxecto entre asociadas, sendo o estudio vigués Desoños o encargado de levar a cabo esta tarefa.
Podes saber máis do proxecto visitando a web ARDE.gal.