A deseñadora de produto Noemí Cortizas incorpórase á DAG
Se hai uns días coñeciamos o novo socio da DAG, Roberto Núñez, hoxe é a vez de Noemí, unha enxeñeira industrial establecida en Francia e que nos últimos tempos reorientou os seus pasos cara ao CMF design.
Ola,
Son Noemí, unha deseñadora industrial establecida en Francia. De base fixen unha enxeñaría mecánica, pero, como sempre gustei da innovación e do deseño para as persoas, acabei facendo unha formación deste tipo nunha escola en París, onde vivo.
Gústame aprender sobre todas as facetas do deseño e por iso ando a facer os meus pereiriños en deseño web, UI/UX e grafismo. Aínda que a miña especialidade é o deseño de produto e, sobre todo, a rama CMF design. Trátase dunha rama moi nova que se centra na investigación de materiais, cores e acabados para satisfacer un mercado que cada vez é mais exixente e que evoluciona moi rápido. Aquí a creación de sorpresas e investigar as cousas mais tolas e raras está á orde do día, e eu adoro a xenialidade da boa tolemia. Despois dun tempo nisto, dou fe de que xa non me sorprende nada.
Levo uns once anos fóra, partín porque moito non había do meu. Por iso púxenme moi contenta cando descubrín que a DAG existía, e quería formar parte para poder axudar dalgún modo e facer despuntar o deseño galego. Traballei en proxectos internacionais de innovación, para clientes e marcas moi importantes (Estee Lauder, Swatch, Auchan, SNCF etc.). Espero que a miña experiencia e coñecementos sirvan para poder dar unha nova ollada e axudar, dalgunha maneira, a facer ver ás empresas a importancia do bo deseño para vender. Que non é algo só para o luxo e a decoración, senón unha parte fundamental de creación dun produto ou servizo de éxito. Algo que noutros países hai tempo que comprenderon, e os resultados saltan á vista.
Grazas por acollerme, espero poder intercambiar ideas e colaborar neste bonito proxecto con todos vosoutros.