A deseñadora editorial María Peinado únese á DAG
O verán de 2021 trae boas novas, a Asociación Galega de Deseño segue sumando asociadas. Alédanos poder seguir medrando en número pero tamén en diversidade. As últimas incorporacións á DAG teñen nome de muller e isto permítenos avanzar nun dos nosos obxectivos marcados: conseguir un maior equilibrio de xénero na nosa asociación. Hoxe presentamos a María Peinado, unha deseñadora malagueña que se mudou a Galicia e xa forma parte da nosa rede profesional. Benvida a Galicia e á DAG!
Ola a todos, encantada de saudarvos por aquí.
Chámome María, son malagueña, e despois duns anos vivindo tamén en Barcelona, Edimburgo e Madrid, aterricei en Galicia hai escasos meses. Moi contenta co cambio e con moitas ganas de descubrir e coñecer esta terra e a todos vós.
Son licenciada en Historia da Arte, Fotografía e Estética da Arte Contemporánea, pero o entusiasmo polos catálogos de arte e os libros impresos en xeral, leváronme ao deseño editorial e aí é cara onde oriento e focalizo o meu desenvolvemento profesional e persoal.
Creo e aposto por un deseño que humanice a través da comunicación, como ferramenta de entendemento, achegamento e mellora social.
Cheguei á Asociación buscando, aquí no Atlántico, novos compañeiros de gremio cos que poder compartir, colaborar, facer traballo en común e aprender cousas novas. Ilusionada con poder aportar o meu gran de area.
Unha aperta e moitas grazas pola acollida.