A exposición Galicia XXI. O design como motor viaxa á Porto Design
O deseño galego contará cun espazo propio na Porto Design Biennale a iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e coa colaboración do Grupo Finsa.
Trátase da exposición “Galicia XXI. O design como motor”, que será inaugurada o vindeiro 16 de outubro no espazo WOW-Work on Wood by Finsa, no Porto.
A mostra, que permanecerá aberta ata o 24 de novembro, ten como principal obxectivo posicionar e difundir o potencial creativo do deseño galego na Porto Design Biennale. Este evento, que celebra a súa primeira edición como gran cita do deseño europeo deste ano, está organizado pola esad—idea e promovida polas Cámaras Municipais do Porto e de Matosinhos.
A exposición reúne pezas de 42 estudios e profesionais do deseño galegos, tanto dos que exercen en Galicia como daqueles que están a destacar noutros países, aos que se suma o traballo de figuras senlleiras como Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo. Entre os socios da DAG que expoñen traballos podemos mencionar a cenlitrometrocadrado, Costa, Dardo, desescribir, Desoños, Marcos Dopico, Ekinocio, Lois Guillán, Uqui Permui, María Ramos, Grupo Revisión ou Álvaro Valiño.
Durante a inauguración será presentada tamén no contexto portugués a publicación O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia, para difundir no país veciño os principais referentes galegos na aplicación do deseño á innovación empresarial.
O evento complétase cunha mesa redonda sobre a importancia do deseño en Galicia e a súa integración no mundo da empresa na que a DAG estará representada por Lois Guillán.
Confirmación de asistencia mediante correo electrónico a programadeseno.gain@xunta.gal ou chamando ao +34 881 999 120.