• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
noticias socios/socias
11-10-2022 12:00:00

A Galicia deseñada, unha exposición sobre​ o deseño galego

A exposición​ ​A Galicia deseñada, símbolos, marcas e identidades gráficas,​ comisariada por Marcos Dopico, Cibrán Rico e Suso Vázquez,​ nace co obxectivo de contribuír a establecer unha historiografía sobre o deseño galego, a partir dun catálog​o​ de traballos realizados en Galicia que poida funcionar como documentación de referencia e consulta para as deseñadoras e deseñadores actuais e futuros. Será exposta na Sala Normal da Universidade da Coruña dende o vindeiro 14 de outubro ata o 13 de xaneiro de 2023.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

A mostra está organizada a través de cinco períodos históricos (antecedentes, industrialización, autarquía, democracia e contemporaneidade), mais os exemplos de deseño seleccionados procuran establecer lecturas de continuidade entre diferentes momentos temporais, nunha interpretación da historia como relato e exercicio de construción colectiva.

O deseño busca interpretar o «complexo» para ofrecer solucións «simples» e caracterízase por ofrecer respostas específicas a formulacións globais: pensar o concreto a partir do múltiple e o diverso. E tamén ten a súa consideración social, pois ubícase a medio camiño entre cultura e industria. É cultura pola capacidade de ser reflexo das ideas do presente, pola actitude innovadora e resilente que lle é propia, pola habilidade para crear metodoloxías e linguaxes que transcenden en moitas ocasións o seu ámbito propio de actividade. E é industria pola incidencia comprobada do deseño nos sectores produtivos e económicos, polo seu carácter transdisciplinar e a súa vontade de ofrecer solucións que melloren os produtos, sistemas, servizos, experiencias ou negocios. De aí que os deseños seleccionados e presentados na mostra transiten nesta dobre consideración. 

A exposición non se artella so a través da representación gráfica dos símbolos, marcas e identidades, senón que, de maneira complementaria, mostra exemplos de gráfica aplicada. Permite tamén comprobar a evolución na consideración e nos requerimentos que a sociedade demandou, en cada momento histórico, aos «signos» de identidade: de símbolos nos que a súa forma concreta non comportaba significado, pasando pola construción precisa de formas gráficas asociadas a unha programa simbólico, á elaboración de plans completos de identidade corporativa aplicada a diferentes soportes, ata chegar ao momento actual, onde as identidades se configuran máis como sistemas flexibles e variables que ofrecen funcionalidade e unha mellor adaptación ás necesidades de comunicación contemporáneas.

Os comisarios contaron coa colaboración de Pepe Barro na parte «Antecedentes» e do estudio Cenlitrosmetrocadrado para o deseño expositivo. A exposición, que abrirá as súas portas o vindeiro 14 de outubro na sala Normal da UDC, recolle ademais traballos doutros socios e socias de DAG que contribuíron a crear a historia do deseño galego ata hoxe en día. A Galicia deseñada quere ser, en último termo, unha oportunidade para a celebración do deseño como ferramenta ao servizo da sociedade.

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.