A LUGA Poster Biennale une Portugal con Galicia
A Luga Poster Biennale é un proxecto da Escola Superior de Media Artes e Design, do Instituto Politécnico do Porto e do Instituto de Investigación en Deseño, Medios e Cultura, que pretende explorar o cartel como elemento fundamental da investigación. A DAG colabora na difusión deste evento en Galicia.
O fin último do proxecto LUGA é a creación dunha Bienal do Cartel Luso-Galaica e establecer un evento internacional dedicado á promoción e á celebración do cartel como forma de expresión artística e comunicativa.
A bienal ten como obxectivo reunir a deseñadores, artistas e profesionais do ámbito do deseño gráfico e da comunicación visual (entre outras áreas), máis directamente entre Portugal e Galicia, para compartir as súas creacións, explorar tendencias e estimular o diálogo e a colaboración entre comunidades.
Os puntos fortes deste proxecto radican na posta en valor do cartel como medio de comunicación visual, ofrecendo unha plataforma para que artistas e deseñadores expoñan as súas obras e promovan o intercambio cultural e creativo entre Portugal, Galicia e a comunidade internacional. Ademais, a bienal pode fomentar a experimentación e a innovación no campo do deseño de carteis, estimulando a busca de novos enfoques estéticos e conceptuais.
Existen catro categorías nas que participar: cultural, político-social, experimental e animación-motion. Aquelas e aqueles estudantes e profesionais que queiran participar poden presentar un máximo de 5 pezas ata o 30 de xuño de 2024. Como requirimento, os carteis deberan estar feitos entre xaneiro de 2022 e xuño de 2024.
O xurado está composto por un panel de deseñadores e deseñadoras internacionais que determinarán os carteis gañadores durante a fase de selección. O anuncio oficial realizarase o 31 de xullo. A exposición de carteis celebrarase no mes de setembro e será na inauguración onde se dean a coñecer os carteis gañadores en cada categoría.
Animamos a estudantes e deseñadores e deseñadoras galegas a presentar as súas creacións e fomentar ese intercambio cultural co país veciño, para coñecer as achegas e as diferencias que podemos atopar entre as distintas formas de creación visual.