A Universidade de Vigo inicia o Grao en Deseño no Campus de Pontevedra
O próximo curso 2023-24 a Universidade de Vigo comeza o Grao en Deseño no Campus Crea situado na cidade de Pontevedra, con 45 prazas e dúas mencións: Grao en Deseño gráfico/dixital e Grao en Deseño de moda.
Este novo Grao en Deseño busca formar a deseñadores e deseñadoras integrais capaces de xerar proxectos que teñan en conta os procesos e soportes comunicativos actuais (gráfico, moda, audiovisual e dixital interactivo), facendo especial énfase nas metodoloxías, tecnoloxías e entornos de traballo innovadores e actuais, que permitan a experimentación e unha mellor adaptación ao futuro mercado laboral.
Os contidos do Grao estructúranse en catro cursos académicos: dous primeiros cursos comúns, profundando na formación sobre as bases e os fundamentos do deseño; e dous cursos finais con optativas que orientan a carreira do alumnado cara a súa especialización en Deseño gráfico/dixital ou Deseño de moda. Un total de 240 créditos ECTS, 12 créditos do Traballo Fin de Grao e 18 créditos de Prácticas en empresas.
A Facultade de Deseño é o novo centro universitario da Universidade de Vigo que impartirá o Grao en Deseño no Campus de Pontevedra, ademais de continuar co Mestrado de Deseño e Dirección Creativa de Moda que inicia este curso a súa sétima edición.
A oferta formativa superior en deseño na nosa comunidade amplíase con este novo Grao e súmase á que ofrecen as catro Escolas de Arte Superior de Deseño sitas en A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela.