Alba Bermúdez, benvida a DAG
Desde Cangas chega á Asociación a deseñadora gráfica Alba Bermúdez, do estudio Lalola. Aquí nos conta máis sobre a súa traxectoria.
Ola! Son Alba Bermúdez, máis coñecida neste mundo como unha das Lolas, xa que son co-fundadora e deseñadora gráfica en Lalola Estudio de Branding.
Os meus inicios no deseño remóntanse a 2005, cando decidín estudar deseño de moda. Despois de completar os estudos superiores e de facer prácticas en dúas firmas importantes, comprendín que a miña verdadeira paixón estaba no deseño gráfico. Foi en plena crise, no 2009, cando comecei a traballar nunha empresa de publicidade e reclamo publicitario no posto de deseño e preimpresión.
Once anos máis tarde, e no medio dunha pandemia mundial, a miña mellor amiga de toda a vida —que o segue sendo e agora tamén é a miña socia— e mais eu decidimos que a nosa vida non tiña moito sentido tal e como estaba. Así que queimamos as naves e creamos a marca na que sempre nos tería gustado traballar. Porque para nós o branding, o deseño, o copy e a creatividade son ferramentas ao servizo de algo maior: axudar a que outras marcas conecten de maneira auténtica, honesta e real coas súas audiencias. Lalola é, no fondo, unha filosofía de vida, unha forma de entender o mundo e uns valores compartidos.
Hoxe podemos dicir que levamos cinco anos traballando con máis de 70 marcas, acompañándoas na creación dun significado que realmente conecta co seu público.
Son unha apaixonada do deseño en todas as súas vertentes, e formar parte da DAG é para min unha honra e un soño cumprido.