Anxo López incorpórase á DAG
Coa súa chegada, a asociación alarga aínda máis o amplo abano de perfís profesionais existentes, mais no seu caso hai unha circunstancia que a fai aínda máis especial: a súa idea de asociarse é unha cousa boa máis das moitas que nos deixou a última edición do FEED 19, na que tivemos a sorte de contar coa presenza de conferenciantes tan estupendos coma el. Que alegría que te fagas da DAG, benvindo!
Ola,
Son Anxo, un deseñador industrial lugués que leva máis de 10 anos establecido en Madrid. Estudei enxeñaría técnica en deseño industrial, despois de descubrir a existencia da profesión no meu paso pola escola de enxeñaría industrial. Sempre me chamaron as profesións nas que a creatividade aplicada ao mundo dos negocios xoga un papel central. Por iso, despois licencieime en Publicidade e Relacións Públicas. Nunca me dediquei nin ao deseño de produto físico nin á publicidade, porén, levo moitos anos transitando os camiños do deseño intanxible como deseñador de servizos e de estratexias.
Máis alá do feito ou das etiquetas que se lle poñan ás especializacións, sempre vin o deseño como unha única práctica que remata con diferentes resultados. Quizais por isto sempre me preocupei por entender de que xeito o deseño como función empresarial achega valor á economía, e mesmo adiquei uns cantos anos a estudar este campo a través da tese doutoral O deseño como actividade económica na industria española do século XXI desde unha perspectiva estatística.
Ademais de andar sempre á procura de evidencias que fagan tanxible o valor económico e social do deseño, tamén ocupa a miña cabeza darlle voltas ao que o futuro nos vai traer como sociedade e cal será o rol do deseño nun futuro incerto, marcado polo cambio climático, a inestabilidade económica, a desigualdade social, a falta de confianza, a polarización social ou a consolidación das tecnoloxías de datos e a intelixencia artificial.
A pesar do escuro que poida parecer este futuro, son un optimista, e creo moito nas capacidades sociais dos humanos e na capacidade transformadora que temos demostrado ao longo da historia. Espero que dende a DAG poidamos poñer xuntos algún gran de area na construción dun futuro próspero e sostible.
Foi a enorme calidade humana das persoas que forman parte deste colectivo a que me fixo facerme socio da asociación tras coñecelas na última edición do foro de deseño: FEED 2019. Grazas por acollerme, espero estar á altura e poder contribuír dende Madrid á consolidación do deseño galego.