• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
actividades dag
29-12-2025 11:25:10

Pechamos o ano co lanzamento do arquivo dixital do deseño galego na plataforma AR\DE

O proxecto reforza o seu papel como espazo de investigación, difusión e preservación da memoria do deseño en Galicia. Incorpora unha nova sección, dedicada a compilar pezas de deseño, que se suma ao actual repositorio de recursos e ao pódcast Rexistro Sonoro do Deseño Galego.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Interfaz da plataforma AR\DE 

Logo de meses de traballo, ve a luz o froito da terceira fase desta iniciativa promovida pola DAG que contou para o desenvolvemento da web co estudio vigués Desoños, responsables do deseño da identidade do proxecto e da páxina, e co apoio da Deputación da Coruña a través da súa liña de axudas 2025. 

O arquivo arrinca cunha pequena selección de pezas, que non responden expresamente a un relato cronolóxico nin a indicadores de relevancia senón a criterios establecidos no marco do proxecto para garantir a representación das disciplinas e a diversidade de autorías ou tipoloxías de pezas. A sitio web aspira a reunir nunha única fonte os recursos de deseño galego que se atopan diseminados en arquivos, museos, institucións e coleccións, en aras de facilitar o seu estudo e preservación. 

O grupo de traballo, integrado por 9 persoas voluntarias, desenvolveu durante o 2025 o proceso de mapeo e localización de pezas, colaboración con especialistas, definición de criterios de selección e creación das fichas de catalogación, así como o establecemento dos primeiros contactos coas entidades e persoas custodiadoras dos fondos de interese. Un proceso que continuará, de maneira indefinida, para dotar ao arquivo das referencias que permitan un relato histórico máis completo do noso deseño.

A iniciativa, que ten vocación pública, quere facer accesible para a comunidade do deseño e a sociedade o valioso patrimonio cultural e industrial que posuímos. De navegación sinxela e estrutura clara, con sistema de filtrado e organización por categorías, a páxina permite explorar os contidos de xeito intuitivo, poñendo especial atención ao citado de fontes, recursos relacionados e enlaces ás entidades colaboradoras.

O seu obxectivo a longo prazo non é só preservar ou dar conta da riqueza do acervo cultural e identitario que supón o deseño galego, senón tamén fomentar conexións entre xeracións, poñendo en relación proxectos históricos con prácticas contemporáneas, fomentando o pensamento crítico en favor de achegar as mellores solucións posibles ás demandas e necesidades sociais.

O carácter aberto e colaborativo do proxecto convida a profesionais do deseño e a investigación, amais de institucións e entidades, a participar na expansión do arquivo, contribuíndo con referencias, documentación e testemuños, para construír unha memoria plural e diversa en perspectivas e contextos deste relato do deseño galego.

Coñece a nova sección visitando arde.gal



 

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.