Arranca a próxima semana na Fundación DIDAC o ciclo de conferencias Galicia. Un século de creación. 1916-2016
O ciclo forma parte do Proxecto DIDAC Arteria Galicia que será complementado cun arquivodidac.gal, un corpo documental online en constante crecemento onde coñecer o traballo e a traxectoria de creadores galegos contemporáneos.
O primeiro conferenciante será o crítico de arte Xavier Seoane, quen o luns 23 ás 19.30 h falará sobre a construción dunha identidade da arte galega.
O xoves 26 ás 19.30 h será a vez do deseñador Pepe Barro cunha palestra sobre o deseño na Galicia moderna.
O encargado de fechar a primeira semana de conferencias deste ciclo que continuará até xullo será o arquitecto Fernando Agrasar o venres 27 ás 19.30 h cunha intervención centrada na renovación arquitectónica do movemento moderno e o racionalismo.
Aínda que a asistencia ás conferencias é gratuíta, terán prioridade aquelas persoas inscritas con antelación. Permitirase o acceso até completar a capacidade da sala (45 persoas máximo). Podes reservar o teu lugar en info@didac.gal