DAG participou na asamblea anual de READ en Canarias
Nesta ocasión foi DICA (Asociación de Profesionales y Empresas de Diseño de Canarias) a anfitriona que recibiu ás persoas que representan a cada unha das asociacións de READ para a súa Asemblea anual na que se procedeu ao nomeamento da asociación que exercerá a presidencia para os vindeiros dous anos e o seu equipo.
Imaxe do evento / ©READ
Os pasados 21 e 22 de marzo tivo lugar na cidade das Palmas de Gran Canaria a Asemblea Ordinaria de READ coa participación das persoas delegadas de cada unha das asociacións. A xornada do venres desenvolveuse nas instalacións do Gabinete Literario coa celebración da Asemblea Ordinaria.
A orde do día comezou coa presentación da memoria de actividades, na que se compartiu información sobre eventos como o ENAD de Cuenca, a participación na Paris Design Week con ‘Diálogos sur le design’ ou as itinerancias de From Spain With Design, entre outras iniciativas. Proseguiuse co informe de comunicación e a aprobación de contas do 2024 para dar paso despois ao nomeamento de DIEX (Extremadura) como asociación que exercerá a presidencia durante os dous próximos anos na persoa de Silvia González.
A vicepresidencia será asumida por Cris Cavaller da Exprimidora (Castellón) e a vicepresidencia segunda por Gonzalo Galán de AAD (Andalucía). Juana Valcárcel de DIP (Murcia) e Sergio Sánchez de DICA (Canarias) ocuparán os cargos de secretaría e tesourería respectivamente.
As vogalías correspóndenlles aos representantes restantes: Vicente Gallega de ADCV (Valencia), Diego Rozada de AGA (Asturias), Juan Lázaro de Cuenca Diseña, Félix Rodríguez de DIME (Diseño de la Meseta) e a nosa socia Thais Suárez.
Myriam Cea de DIMAD (Madrid) será a nova responsable de comunicación, Lander Balza, de EIDE (Euskadi e Navarra) coordinará os grupos de traballo, figura que até agora exercía Uqui Permui, e Kike Correcher continuará como representante en BEDA.
Representantes das asociacións / ©READ
Ao longo da Asemblea debatéronse cuestións relativas ao funcionamento da rede, compartíronse experiencias desde as asociacións e propuxéronse melloras para os fluxos de traballo e roles. Logo da votación, que se aprobou por unanimidade, procedeuse á presentación dos orzamentos para o 2025 e as liñas de traballo, así como o próximo ENAD que se celebrará en Badajoz o vindeiro outubro.
Juan Lázaro tivo unhas palabras para agradecer o traballo ás persoas que conformaron a súa directiva, entre elas Uqui Permui que deixaba os postos de representación logo de moito tempo de participación activa en READ e de exercer a presidencia nos anos 2021-2022.
Ademais da Asemblea, os compañeiros e compañeiras de DICA organizaron un programa de actividades. O venres á noite celebrouse o «Tenderete de deseño», no que puidemos coñecer de primeira man o traballo de Lars Amundsen e Matthias Beck de Tipos en su tinta (taller de impresión tipográfica), Mínima Cía, o estudo de deseño corporativo liderado por Pedro García e tamén os proxectos de interiorismo de Sergio Macías.
Ao día seguinte estaba programada unha visita guiada ao casco antigo de Vegueta, unha saída á fábrica Ron Arehucas e un xantar de confraternización con asociados/as de DICA. Desde DAG participaron a nosa presidenta Raquel Boo, Uqui Permui como vicepresidenta segunda de READ, e Thais Suárez (Sísmica Creativa), quen asumiu a nosa representación para os próximos dous anos.
Agradecemos a DICA a súa agarimosa acollida, foi un pracer achegarnos á cultura e o deseño canario, e aos compañeiros de compañeiras de READ a celebración desta asemblea para seguir traballando para o común desde as nosas singularidades.