Asemblea Xeral de READ 2026, Vitoria-Gazteiz
A asociación EIDE acolleu do 5 ao 7 de marzo a asemblea de READ no marco da celebración do seu 40 aniversario.
Imaxe do evento Xavier Iñarra (ouidesign)
Hai unhas semanas asistimos, como parte da súa directiva, á Asemblea da Red Española de Asociaciones de Diseño para facer balance das iniciativas e proxectos realizados no último ano, así como falar dos próximos obxectivos e accións en curso. Como noutras ocasións, a entidade anfitriona preparou un programa formativo e cultural paralelo.
Na noite do xoves, como preámbulo, puidemos coñecer nun «Begihandi», encontros distendidos coordinados polas asociacións de deseño do País Vasco, o traballo de Habemus Estudio e da directora arte Izaskun Urkijo, ademais do proxecto sobre memoria do deseño murciano «Unha pegada imborrable» da man de Teresa Jular.
A xornada do venres tivo lugar na singular Escola IDarte. Baixo o título «Future Design», e incluiu un enriquecedor diálogo sobre políticas de deseño e transferencia de coñecemento que contou cos relatorios previos de Agnes Willenborg, decana das Escolas de Transformación Creativa e Artes e Economía da Universidade HKU das Artes de Utrecht, e Christoph Böninger, presidente da Fundación iF Design.
Compartiuse tamén o valioso froito do esforzo do grupo de traballo de Educación e Deseño de READ na intervención «Do Manifesto para a Innovación na Educación en Deseño en España ao Consello Superior de Educación Artística».
No segundo coloquio participaron Ruth Mayoral, directora de programas de educación superior de Euskampus Fundazioa, e representantes de varias empresas do sector industrial vasco que apostan fortemente polo deseño e a innovación.
Parte do grupo de participantes da asemblea durante a visita ao Val Salgado de Añana
As visitas culturais do sábado comezaron cunha ruta muralística polo casco vello e un guiado polo Museo do Naipe Fournier. Para rematar nun xantar de confraternización no impresionante Valle Salado de Añana logo de coñecer en detalle o proceso de produción do seu prezado sal.
Foron días intensos de convivencia e traballo asociativo nos que compartir as experiencias das asociacións dos distintos territorios que integran READ volveu resultar enriquecedor para todas. Non podemos máis que agradecer a hospitalidade de EIDE, e tamén DIGA, o agarimo da súa acollida, ademais de darlles os nosos parabéns polos 40 años de andaina.
Eskerrik asko, EIDE, zorionak.