A Asociación Galega de Deseño renova a Directiva, novas ideas e traballo colectivo
O pasado 20 de xuño, durante a asemblea anual celebrada en Santiago de Compostela, aprobouse a constitución da Xunta Directiva para o bienio 2026–2028. Co impulso de dúas décadas de traxectoria, no ano do seu 20º aniversario, a DAG inicia unha nova etapa. O equipo asume o compromiso de reforzar as redes profesionais e conectar o deseño con novos públicos.
Asemblea Xeral de DAG na Fundación DIDAC
O equipo de goberno da Asociación Galega de Deseño conta con membros que dan continuidade á anterior Directiva e tamén con novas incorporacións. Entre os novos perfís atopamos a María Ramos, xerente da asociación entre 2020 e 2021 e coordinadora do proxecto AR\DE nos últimos tres anos, que asume a Presidencia. Incorpóranse como vogáis, Miguel Flores, deseñador e cofundador do espazo Donauta na Guarda, e Tania Villamarín, deseñadora gráfica, directora de arte e ceramista, con base en Meira. Será tamén vogal na Directiva a deseñadora austríaca asentada no concello da Estrada Stephanie Wurm, actual vogal territorial de Galicia en ADG-FAD.
O grupo complétase con perfís destacados na actividade da DAG estes últimos anos. A anterior presidenta, a deseñadora gráfica Raquel Boo, exercerá como secretaria e continuará representando á asociación en proxectos e actividades en curso. Daniel Pino, deseñador especializado en estratexia de marca, asumirá a vicepresidencia e traballará na relación co tecido empresarial e profesional. Pola súa banda, Pablo Villaverde será o novo tesoureiro e continuará co seu labor no grupo de comunicación. A deseñadora de produto Noemí Cortizas, a cabalo entre París e A Coruña, continuará a tecer lazos internacionais. No caso da anterior secretaria, Paula Cantero, ademais de ofrecer apoio ao equipo directivo será a representante de DAG na READ (Rede Española de Asociacións de Deseño).
Membros da nova xunta directiva de DAG
O programa de actuación para os próximos dous anos promoverá actividades e proxectos activos, como o Arquivo do Deseño Galego, o foro bianual de deseño FEED, os Encontros de Deseño, a Luga Poster Design Biennale e accións coordinadas coa READ. O novo equipo pretende tamén dar pulo a iniciativas que reforcen as redes profesionais e promovan a colaboración con distintos organismos e entidades. Traballará ademais nunha mellora da comunicación da Asociación co obxectivo de chegar a un público amplo.