• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
actividades dag
28-07-2026 12:58:44

As asociacións profesionais unidas ante o proceso de designación da dirección do CGAC

As asociacións profesionais máis representativas do sector das artes visuais do contexto autonómico e estatal, presentan recurso administrativo contra o procedemento de provisión da dirección do CGAC polo sistema de libre designación.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Fotografía ©Asociación Cultural Vegliota

As asociacións profesionais representativas do sector artístico e cultural galego e estatal, asinantes deste comunicado, acordaron interpoñer un recurso de reposición fronte a resolución do procedemento de provisión do posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ao considerar que o proceso presenta graves deficiencias desde o punto de vista da transparencia, as garantías procedementais, o respecto ás boas prácticas na xestión das institucións culturais públicas e os intereses profesionais da comunidade artística.

O recurso presentado polas asociacións profesionais defende a nulidade radical do acto de nomeamento da nova dirección do CGAC, así como da convocatoria para a provisión do posto polo sistema de libre designación, por ser actos que lesionan a liberdade fundamental de produción e creación artística e que, en contra do ordenamento xurídico, conceden dereitos e facultades a quen carece dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

Esta actuación responde á preocupación compartida por un amplo número de profesionais e entidades do sector ante un procedemento que, lonxe de reforzar a confianza nas institucións culturais, xerou unha fonda crise de credibilidade en torno a un dos principais centros de arte contemporánea de Galicia.

A decisión de recorrer a resolución administrativa non obedece unicamente á vontade de revisar un procedemento concreto, senón á necesidade de defender un modelo de gobernanza cultural baseado na autonomía das institucións, a profesionalización dos seus órganos de dirección, a transparencia nos procesos de selección e o respecto aos principios de mérito, capacidade e concorrencia.

O recurso presentouse formalmente por unha única asociación, por esixencias do propio procedemento administrativo. Porén, esta actuación conta co respaldo expreso das asociacións asinantes, que participan conxuntamente no seu impulso e financiamento como expresión dunha posición compartida do sector profesional.

As asociacións consideran imprescindible que a designación das direccións das institucións culturais públicas responda a procedementos abertos, obxectivos e avaliables, aliñados cos estándares nacionais e internacionais de boas prácticas e cos principios de independencia respecto de calquera inxerencia política na xestión cultural.

A situación vivida no CGAC pon de manifesto a necesidade de abrir un proceso de reflexión sobre os modelos de gobernanza das institucións culturais galegas e do sector en xeral. Un sector que vén reclamando, desde hai anos, unha maior participación da comunidade profesional nos órganos de decisión, mecanismos efectivos de rendición de contas e marcos de xestión que garantan a estabilidade, a autonomía e o interese público destas institucións.

A presentación deste recurso constitúe, por tanto, unha actuación responsable e proporcionada orientada a defender o correcto funcionamento das institucións públicas e a contribuír a que os procesos de selección se desenvolvan con todas as garantías xurídicas e profesionais esixibles.

As asociacións asinantes reiteran a súa vontade de diálogo coas administracións públicas e a súa disposición a colaborar na construción de modelos de xestión cultural máis transparentes, participativos e independentes, acordes coa importancia que as institucións culturais teñen para a cidadanía e para o conxunto do ecosistema artístico galego.

 

O presente comunicado está asinado polas seguintes asociacións:

A COLECTIVA / Asociación Profesional de Artistas de Galicia

CONTEMPORÁNEA / Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia

VEGLIOTA / Asociación Cultural Vegliota

AGPXC / Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural

AGPI / Asociación Galega de Profesionais da Ilustración 

DAG / Asociación Galega de Deseño

IAC / Instituto de Arte Contemporáneo

CONSORCIO DE GALERÍAS DE ARTE CONTEMPORÁNEO

MAV / Asociación de Mujeres  en las Artes Visuales

UNIÓN AC / Unión de Artistas de Arte Contemporáneo de España

ADACE / Asociación de Directoras y  Directores de Arte Contemporáneo de España

 

En caso de precisar ampliar esta información cómpre dirixirse a: contacto@acolectiva.gal / falavegliota@gmail.com

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.