Representantes de asociacións de deseño de todo o Estado reuníronse en Estremadura durante o 14 ENAD
A cidade de Mérida acolleu a celebración do Encuentro Nacional de Asociaciones de Diseño de 2026. Foi o segundo ENAD organizado por DIEX (Asociación de Diseñadores de Extremadura) no que será o último ano da súa presidencia en READ (Red Española de Asociaciones de Diseño). O evento, que se estendeu desde o 22 ao 24 de outubro, procuraba unha reflexión colectiva sobre o deseño que se produce fóra dos espazos metropolitanos ou centros tradicionais de cultura e economía.
Asistentes ao 14 ENAD en Mérida
A benvida das persoas participantes produciuse nun distendido e inspirador «Encendidos», un encontro informal ao redor do deseño estremeño que promove DIEX. O Centro Cultural Alcazaba foi a sede da primeira xornada, á que se sumaron máis dun cento de estudantes e profesorado da EASD de Mérida, e que contou coas intervencións institucionais da concelleira da área de accesibilidade, Susana Fajardo, e de Montserrat Grañeras, a representante do Consejo Superior de Enseñanzas Artísticas, que destacou a importancia de contar con representación do sector profesional neste organismo.
Os relatorios e coloquios dos dous días puxeron de manifesto como os contextos locais, rurais ou descentralizados xeran identidade, cultura, innovación e oportunidades. O venres participaron Rubén Mateos, deseñador industrial en Viccarbe; Fran Méndez do estudio Hondo que presentou o arquivo de deseño estremeño; Pilar Gerona cos produtos para porteo Somomu; e Alicia López como perfil empresarial que aceptou o reto do relevo familiar en Las Hermanas, incorporando innovación e deseño a un negocio tradicional.
O faladoiro sobre deseño sostible estivo moderado por Daniel Hervás e contou coa participación de Àlex Jiménez, Mari Carmen Estevan e Tomás Vega, que intercambiaron puntos de vista sobre materiais e procesos respectuosos co medio, así como sobre a accesibilidade e a inclusión, valores que deben ser intrínsecos a calquera proxecto de deseño.
Pola tarde tiveron lugar as mesas de traballo do ENAD, sesións de máis de tres horas que supuxeron unha magnífica oportunidade para valorar o resultado do traballo realizado polos grupos de traballo da Red Española de Asociaciones de Diseño READ ao longo do ano.
A mesa 1, que contou coa participación da nosa representante en READ Paula Cantero, puxo a proba a ferramenta pedagóxica «Lo que no vemos», desenvolvida por GEN (Gráficas en Negro), para integrar a perspectiva de xénero e fomentar o pensamento crítico nos procesos de deseño. O grupo de Boas Prácticas, coa presenza da socia da DAG Irene García, puido avaliar a dinámica para detectar convocatorias especulativas, co obxectivo de promover procesos de contratación máis xustos. Pola súa banda, a mesa de internacionalización, na que participou Raquel Boo, traballou cos materiais creados en BEDA para o desenvolvemento dos Policy Labs, que se realizarán ao longo de 2027 en distintos puntos de Europa.
A programación do sábado volveu demostrar o papel transformador do deseño vinculado á cohesión territorial, á artesanía, ao respecto polo medio ambiente e á relación entre a tradición e as novas linguaxes contemporáneas. Os relatorios viñeron da man da deseñadora de moda Beatriz Peñalver e o deseñador gráfico Quim Marín, ademais da intervención técnica «Procesos de trabajo» de Cristina Domínguez Lucas. As tres intervencións permitiron coñecer as súas formas de traballar e os seus procesos de insipiración.
O faladoiro, moderado por Teresa Jular, contou coa participación de Lorena Sayavera, Marina Valenti e a nosa asociada Idoia Cuesta. Nel abordáronse as vantaxes e os inconvenientes de traballar desde a periferia e os contextos rurais, así como o feito de que estas circunstancias non son un impedimento para desenvolverse profesionalmente e chegar a traballar con grandes clientes ou marcas internacionais.
O Encontro serviu un ano máis para estreitar relacións entre as distintas asociacións e compartir reflexións sobre as problemáticas do asociacionismo profesional nos diferentes territorios, ademais de intercambiar proxectos e iniciativas de interese para o conxunto. Desde a DAG agradecemos enormemente o esforzo e a acollida de DIEX, nesta exitosa décimo cuarta edición do ENAD, un evento que se consolida como foro de reflexión sobre o deseño e espazo de análise das necesidades e demandas do sector.