AZIMUT mostra a Galicia plural e diversa da man de Ángel Corral
O proxecto, dirixido polo noso socio Angel Corral, pretende desenvolverse como un escaparate cultural que mostre a Galicia máis plural e diversa, combinando arquitectura con interpretacións de artistas galegos, tradición e vangarda, destacando o patrimonio natural, humano e cultural.
Yugen Kala e MounQup
AZIMUT son unha serie de concertos íntimos para ver online nos que se resalta o paso do tempo en diferentes espazos arquitectónicos galegos que foron testemuñas dunha historia e que por diferentes circunstancias atópanse actualmente en estado de abandono ou desuso. O proxecto pretende fusionar este pasado con intervencións de artistas galegos de diferentes disciplinas e achegar a vangarda a estes lugares para resignificalos. Ángel Corral ocúpase da dirección creativa, dirección de arte e deseño gráfico xunto a Adrián Fragueiro (encargado da produción) da empresa Doppler Gestión Cultural.
O proxecto plásmase a través de cápsulas dixitais que combinan o show ao vivo coa performance. Poemas visuais sen público que buscan mostrar a experiencia global da historia e a interpretación dos artistas en cada lugar. Son pezas para o goce dixital, rápidas, directas e virales, cunha duración de 5 a 15 minutos que se visualizan a través de Youtube, Instagram e Facebook
Realizaron xa dúas cápsulas. A primeira, nos altos fornos e minas da Pontenova en Lugo, está protagonizada por MounQup, a cantante e compositora franco-galega Camille Hédouin e EQX, o misterioso dúo de sons experimentais. A Pontenova transformou o seu pasado mineiro en atractivos roteiros de sendeirismo que transcorren por túneles e antigas vías de tren. Nesta localidade, poténciase o patrimonio industrial ao redor dos Fornos de Vilaoudriz, símbolo da historia da Galicia mineira.
A segunda cápsula desenvólvese no Poboado de San Cristovo, en Chandrexa de Queixa, en Ourense, e está protagonizada polos irmáns Yugen Kala, no foco da vangarda internacional da música electrónica, xunto coa artista visual e programadora Marta Verde. San Cristovo está formado por 12 vivendas, con garaxes e galiñeiros, destinadas a aloxar aos traballadores da empresa hidroeléctrica Saltos de Sil. Chaman a atención o casino, a piscina ou a gran igrexa no centro, vestixios da grandiosidade do poboado naquela época que, ata finais dos 70, estivo cheo de vida.