Balance da iniciativa Que fai un/ha creador/a no meu barrio?
Hai uns días finalizaba en Compostela o segundo dos obradoiros do proxecto participativo e colaborativo Que fai un/ha creador/a no meu barrio? promovido por DARDO.
O proxecto tiña como obxectivo reivindicar o traballo creativo e fomentar a interacción dos creadores co medio social en que se insiren. Arrancou a comezos de ano, primeiro en Ferrol, no barrio de Caranza, e despois en Compostela, na Almáciga, onde se desenvolveu cadanseu obradoiro. Os creadores participantes foron os arquitectos CREUSeCARRASCO, no caso de Ferrol, e os deseñadores cenlitrosmetrocadrado, no de Compostela.
A poucos días da clausura do último dos obradoiros, quixemos preguntarlles ao equipo de DARDO, e mais a Ricardo e Xabier, de cenlitrosmetrocadrado pola súas impresións e valoracións acerca de todo o traballo realizado. As súas respostas reproducímolas a seguir:
Entrevista ao equipo de DARDO
Formado por Mónica Maneiro, á fronte do proxecto; Blanca Prol, quen realizou a imaxe, e Conchi Mayo, que se ocupou da xestión, cobertura e promoción.
Cales foron os motivos que levaron a DARDO a concibir un proxecto coma este?
O interese vén da idea de saír da zona de confort do traballo habitual dunha empresa dedicada ao deseño e á concepción de proxectos expositivos e eventos culturais, para meternos nun tipo de traballo máis procesual e vinculado ao social. Ao mesmo tempo interesábanos axudar a rachar coa imaxe do creador illado da sociedade e mostrar como os mecanismos do traballo creativo poden ser útiles á comunidade, e como os creadores son quen de contribuír non só cos seus produtos finais senón tamén coas súas estratexias e modos de facer para axudar a mirar doutro xeito aquilo que nos rodea.
A partir de aí pensamos no que suporía achegar a práctica creativa, neste caso de deseñadores e arquitectos, a espazos veciñais, trazando actividades abertas que tivesen como interese fundamental pensar os usos dos barrios e aplicar estratexias creativas durante unhas xornadas de traballo participativo. A idea de achegarnos ás prácticas contextuais parecíanos atractiva para idear un proxecto nos barrios, usando os centros socioculturais como espazo de traballo.
O concepto adáptase en función da cidade e os recursos que dispoñen?
Os recursos materiais son fornecidos por DARDO. Os espazos determinan un pouco a natureza das xornadas pero o que realmente as conforma é o carácter do grupo e o contexto social no que se desenvolven. As características particulares, o que cada persoa pode achegar, e tamén sen dúbida os condicionantes do barrio, as súas infraestruturas, a súa arquitectura, a economía que o sustenta e o uso deste por parte dos seus habitantes son os puntos clave para a formalización final da actividade.
A selección dos espazos e dos barrios cumpre algún requisito?
Os espazos seleccionáronse fuxindo da centralidade. Optouse por dous centros cívicos, O Centro Cívico de Caranza en Ferrol e o Centro Xove da Almáciga en Santiago de Compostela, situados en barrios que non ocupan un lugar central na vida destas cidades pero que teñen unha identidade propia bastante marcada. Os dous son barrios que aínda non teñen desenvolvido o seu potencial na súa totalidade en canto a aproveitamento dos recursos xa existentes e que poden ofertar cousas moi interesantes ao resto da cidade na que se insiren. Neste sentido contouse coa colaboración dos concellos que acolleron a actividade.
Como é a dinámica dos talleres?
A dinámica é de co-creación. O traballo realizouse en poucas xornadas, concentrado, coa idea de que se parecese máis a un taller que a unha actividade máis dos centros. Dende o principio preparouse aos participantes para facer un traballo aberto, contando coas súas propias achegas para chegar ao fin a uns resultados concretos.
No barrio de Caranza en Ferrol utilizáronse estratexias creativas para analizar a arquitectura do barrio, os seus puntos fortes e tamén os débiles e para crear unha serie de percorridos individuais particulares, capaces de mostrar as posibilidades relacionais do barrio nos usos do espazo público, sacar á luz reclamacións históricas dos veciños e tamén algunhas novas sobre o barrio a nivel urbanístico e tamén recoller historias sobre o pasado de Caranza. En Santiago de Compostela o traballo partiu do contexto máis próximo do Centro Xove, o parque da Almáciga, un dos máis descoñecidos da cidade, que está a vivir un auxe de usos sobre todo a partir da actividade que xera o propio centro, ao colexio que o propio parque acolle e ás hortas urbanas. Pensáronse posíbeis usos, cousas que se poderían construír para interactuar no espazo público a partir delas, e despois realizáronse uns prototipos de mobiliario a partir de elementos xa existentes, que poderán ser usados polos veciños nas súas dinámicas de traballo.
Como foi a acollida por parte dos participantes? Tiñan algún perfil concreto?
A acollida foi boa por parte das persoas implicadas coa actividade. En Ferrol participaron persoas relacionadas coa asociación de veciños e xente do barrio con interese pola arquitectura, a historia e a contorna. En Santiago de Compostela houbo unha mistura de persoas relacionadas coa actividade diaria do centro, veciños e tamén profesionais vinculados co traballo participativo, deseñadores de interiores, de produto e artistas.
Cumpríronse os obxectivos marcados en cada cidade?
Cumpríronse obxectivos en canto a desenvolvemento da actividade e en canto a logros concretos. Os resultados das xornadas e os procesos poderán verse na exposición que estamos a preparar con todo o material recadado durante as xornadas. Ao tratarse dunha primeira edición sempre xorden aspectos a mellorar pero isto era parte importante do propio proceso de traballo, ir sacando cousas susceptíbeis de mellora que só son visíbeis unha vez iniciado o proceso.
Implementouse en Ferrol e Santiago, tedes idea de espallalo a outros concellos?
Este proxecto xorde con idea de continuidade e a lóxica do mesmo é a súa dispersión, noutros barrios das cidades participantes e tamén por que non, noutros concellos da provincia. A actividade fíxose posíbel grazas a unha liña de subvencións da Área de Cultura da Deputación da Coruña para proxectos culturais singulares e a idea é poder repetir e facela medrar noutros espazos.
Tedes idea de traballar con outro tipo de creadores ou creadoras?
A actividade está aberta a todo tipo de creación e a súa intención e traballar coa diversidade nos participantes, nos espazos e tamén como non, nas vertentes posíbeis da creación.
A gráfica xerada para este proxecto foi por conta de DARDO? Poderías explicarnos o concepto?
Si a gráfica creouse en Dardo. No seu desenvolvemento procurouse simplificar o uso de elementos compositivos, a tipografía e a cor, evitando distraccións que —dada a natureza aberta do mesmo— o puidesen encarar nunha determinada dirección. Así mesmo, quíxose reflectir a intención construtiva e procesual da actividade mediante unha tipografía que semella intervida ou mesmo construída a partir de dobreces dun papel. A cor azul atlántica é a que proporciona a forza de contraste e actúa como elemento unificador sobre os diferentes fondos planos de cor que marcan os contidos.
Entrevista a Ricardo Tubío e Xabier Rilo de cenlitrosmetrocadrado
Cal foi a vosa experiencia de participación neste proxecto?
O taller "Que fai un/ha creador/a no meu barrio" foi unha experiencia moi gratificante para achegar a profesión á xente. Moitas veces existe un descoñecemento do traballo dos creadores, pero a creatividade non é algo alleo ás persoas, xa que todos somos capaces de lanzar unha mirada activa ao que nos rodea e imaxinar posibilidades de mellora para a nosa contorna cotiá se manexamos as ferramentas adecuadas.
O taller foi unha grande oportunidade para compartir cos veciños do barrio e para demostrar como cunha metodolóxica profesional e a implicación de todos se poden repensar os espazos urbanos e mellorar a vida das persoas.
Como preparastes os talleres e cal foi a dinámica de traballo? Que obxectivo queriades cumprir?
Que fai un/ha creador/a non meu barrio? é un proxecto participativo, colaborativo, no que os creadores se insiren no contexto, no medio cidadán, para traballar con pequenos grupos de persoas e entre todas e todos pensar outros espazos posibles, outros aspectos, dos nosos lugares de tránsito e uso cotián.
O noso obxectivo era axudar os veciños a entender que coa formulación adecuada é posible darlle unha volta ao que temos máis preto e potenciar os usos dos espazos comúns. Neste sentido enfocamos o taller como un proceso de deseño completo no que a través das diferentes fases fomos avanzando ata construír un kit funcional aplicable ás necesidades do barrio e do centro veciñal.
Foi doado traballar con persoas sen un perfil concreto, profesional, enténdese?
Os veciños poden e teñen que reconquistar os espazos públicos, e neste senso os creadores e deseñadores teñen moito que achegar. A co-creación é unha ferramenta fundamental, onde os profesional teñen unha mirada diferente sobre as cousas, e os veciños coñecen de primeira man as súas necesidades e son eles realmente que poden transformar de maneira directa os espazos.
Estamos moi contentos tanto polo proceso como polo resultado final. A implicación dos veciños e doutros creadores que participaron na acción foi realmente impresionante. As conversas, as ideas, o esforzo e o traballo foron realmente de destacar. Sen dúbida, o feito de compartir este proceso e estes momentos de creación produce un maior entendemento entre tódalas partes implicadas.
En que consistiu ese kit veciñal final? Que outras ideas xurdiron do taller?
A proximidade dun espazo natural destas características sempre representa para os veciños dos barrios das inmediacións unha oportunidade, ben sexa como noutros tempos polo aproveitamento dos recursos naturais que ofrecía ou agora como espazo de lecer. De calquera xeito sempre serán espazos de relación veciñais que axudan a fortalecer os vínculos e o entendemento entre os membros da comunidade. Con este obxectivo, propuxéronse unhas xornadas nas que debatemos sobre os usos veciñais dos espazos públicos en primeiro lugar, e logo entre os participantes propuxemos o deseño e construción dun Kit de autoxestión veciñal. Trátase dun soporte elemental para certas accións comunitarias como reunións asemblearias, merendas veciñais, pequenas actuacións musicais ou teatrais ou actividades deportivas e de ocio.
O elemento que xurdiu como fío condutor foi o valado, un elemento que forma parte da nosa paisaxe urbana con un claro significado de pechar e limitar, ao que neste caso lle outorgamos o sentido contrario, un elemento que abre e permite.
Economía de recursos e materiais resistentes fáciles de conseguir era un dos principios básicos que tiñamos que ter en conta, por iso, a nivel construtivo, o valado sen ningunha modificación ofrécenos resistencia e estabilidade, e cunha estética moi acorde a unha contorna urbana.
Un Kit básico de autoxestón veciñal para espazos públicos dinámico coa capacidade de medrar, evolucionar e adaptarse ás novas necesidades. Os elementos finais que se fabricaron foron dous bancos (convertibles en pequeno escenario), unha barra de apoio, un estante para almacenar ou expoñer (convertible en mesa ou en banco pequeno) e un muro de intercambio onde se pode escribir, e tamén colgar caixas, bolsas, obxectos (para intercambiar produtos da horta, sementes, ferramentas...), todo sinxelo de montar, desmontar e almacenar.
Credes que a profesión de deseñador/a enténdese mellor con iniciativas como esta?
Sen dúbida. Estas iniciativas serven para achegar á sociedade o valor que poden proporcionar os deseñadores á contorna e á mellora da vida das persoas. Teñen ademais un dobre carácter, permiten visualizar e entender a profesión dos creadores, e tamén compartir e experimentar directamente coas persoas que serán os usuarios do resultado. A co-creación e a implicación dos veciños, sen dúbida, son os dous elementos máis enriquecedores.