Benvindo, Alberto!
As actividades que organiza a DAG, como o FEED, supoñen para moitos deseñadores o primeiro contacto coa Asociación Galega de Deseño. Este foi o caso deste novo socio ao que hoxe imos coñecer un pouco mellor.
Ola,
Son Alberto, natural de Barcelona, aínda que residente en Galicia desde os tres anos. A pesar de que son técnico superior no desenvolvemento de aplicacións informáticas, acabei decidíndome por unha rama máis creativa como o deseño gráfico / web, e traballo como deseñador UI / UX.
Adoro todo o que ten que ver co deseño, non só o deseño dixital enfocado a páxinas web ou aplicacións móbiles, senón tamén outras facetas deste como o deseño editorial ou o deseño de produto. Tento manter unha formación continua mediante cursos, obradoiros e certificacións.
Hai un par de anos dei un xiro na miña vida laboral que me levou a deixar un pouco de lado a programación web e camiñar cara a un perfil creativo máis puro, centrado no deseño de interface gráfica, experiencia de usuario e identidades corporativas. Parte de culpa disto tena o grao de deseño que curso desde 2017 na Oberta de Catalunya.
Grazas ao foro de deseño deste ano puiden coñecer esta asociación. Sei do gran potencial en materia de deseño na nosa comunidade e apaixóname a idea de poder compartir consellos, coñecementos, colaboracións ou ideas con grandes profesionais do deseño galego.
Un saúdo e moitas grazas por acollerme.