Convocatoria da Bienal Iberoamericana de Deseño
Xa está aquí a 7ª Edición da Bienal Iberoamericana de Deseño que terá lugar do 23 ao 27 de novembro na Central de Diseño Matadero Madrid.
Nestes momentos, e ata o 8 de xullo, está aberto o prazo de inscrición para participar nesta nova edición da Bienal. Poden participar os proxectos de deseño producidos e comercializados nos dous últimos anos, elaborados por deseñadores e deseñadoras e por empresas de Latinoamérica, España e Portugal.
As categorías nas que inscribir os traballos son: espazos e interiorismo, gráfico e comunicación visual, produto e industrial, moda, téxtil e complementos, dixital, deseño de servizos e traballos integrais ou transversais (que abranguen distintas categorías).
Para participar, tanto da selección como da exposición BID20, hai que abonar as cotas correspondentes en cada fase de inscrición. No caso de socios e socias da DAG, o prezo total terá un desconto do 15%. A lista de candidaturas para participar da Bienal está conformada pola inscrición directa de proxectos e tamén pola lista de proxectos recomendados polo Consello asesor local e DIMAD, asociación integrante de READ.
Ademáis da semana inaugural, a exposición temporal de proxectos estará aberta desde o 23 de novembro ata finais de xaneiro do 2021 e será itinerante polos diferentes países participantes. Paralelamente, durante ese mes de novembro, realizaranse outras actividades relacionadas e mostras de deseño en diferentes puntos da cidade de Madrid. Farase tamén unha BID virtual cunha galería de todos os traballos seleccionados por país, destacando aos finalistas e premiados.
Sen dúbida é unha boa oportunidade para amosar proxectos con proxección internacional e coñecer o deseño que se está desenvolvendo noutros países próximos á nosa cultura.