A Bienal internacional do cartel LUGA inaugurá exposicións e programación o 10 de decembro en Pontevedra
A exposición de carteis seleccionados e premiados estará aberta na Facultade de Belas Artes entre o 10 de decembro e o 15 de xaneiro. O programa inaugural incluirá tamén dúas conferencias, a entrega de premios e unha exposición de cartelismo do deseñador galego Pepe Barro.
De esquerda a dereita, Vítor Quelhas, María Ramos, Marián Fernández e Demetrio Gómez, na rolda de prensa de presentación da LUGA 2026
A DAG Asociación Galega de Deseño, xunto coa Facultade de Media, Artes e Deseño (FMAD) e o Instituto de Investigación en Deseño, Medios e Cultura (ID+) da Universidade Técnica do Porto, organizan a segunda edición da bienal luso-galego do cartel LUGA. A convocatoria, á que concorreron máis de 2.000 propostas, culminará na cidade de Pontevedra coa exposición dos 300 carteis seleccionados. A mostra abrirá as súas portas na Facultade de Belas Artes o xoves 10 de decembro.
A LUGA, ademais dun evento expositivo, quere ser un punto de encontro para investigadores, estudantes e profesionais de todo o mundo. O programa de actividades comezará no Salón de Actos do Pazo da Cultura, ás 16:00 da tarde e contará coa presenza da investigadora e docente Helena Barbosa (Universidade de Aveiro) e o deseñador Ibán Ramón (Valencia). Ambos falarán do cartel como soporte para a comunicación e a experimentación, dende unha perspectiva histórica, profesional e cultural, vencellada a territorios e contextos concretos. O acceso será gratuíto ata completar aforo.
Tralas conferencias, asistiremos á entrega de premios dos carteis mellor valorados polo xurado en cada categoría (cultural, político/social, experimental e animado). Antes do peche, o deseñador Pepe Barro fará unha breve introdución á exposición monográfica de cartelismo que se inaugura dentro da programación da LUGA: «Cartaces Barro 1976–2026». A mostra recolle 36 pezas do arquivo de deseño de Pepe Barro que abranguen todas as etapas da súa traxectoria profesional, como profesional independente e como membro do Grupo Revisión, xunto a Lía Santana e Xosé Salgado.
Membros do equipo organizador (DAG Asociación Galega de Deseño e Facultade de Media, Artes e Deseño FMAD/UT.PORTO) e entidades colaboradoras (Facultade de Deseño, Facultade de Belas Artes, Facultade de Comunicación, Vicerreitoría do Campus de Especialización CREA e Concello de Pontevedra)
A exposición de carteis seleccionadas na LUGA 2026 recolle deseños de 43 países diferentes, dende a Arxentina ata Uzbekistán. Os corredores da Facultade de Belas Artes acollerán o traballo de profesionais con orixes e contextos moi diferentes, con obras que abranguen unha ampla diversidade técnica e visual. Será unha cita imprescidible para amantes do cartelismo, unha das formas máis antigas de comunicación visual, que non deixa de evolucionar.
Trala inauguración, está prevista a celebración doutras actividades ao redor das exposicións, que incluirán visitas guiadas e presentacións antes do peche o 15 de xaneiro. A LUGA 2026 conta coa colaboración da Universidade de Vigo, a través do Campus de Especialización CREA de Pontevedra; o Concello de Pontevedra; a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais; e a Fundación DIDAC. Dende Portugal, tamén conta, como entidades colaboradoras, coa Fundação para a Ciência e a Tecnologia (FCT) e a fundición tipográfica R-Typography.