Cada día somos máis!
Amodiño e sen facer ruído, pero así é: a DAG medra! E cada día son máis os nomes que se van sumando a esa xa longa listaxe de socios da web. Entre estes novos habitantes da DAG que foron chegando nos últimos meses están María Agra, Diego Carracedo, Víctor Núñez, Puri Díaz, Manuel del Río, Ricardo Tubío ou Xabier Rilo, caras novas ás que agora temos que engadir as de Raquel e Irene. Conscientes como somos de que o principal valor dunha asociación son as persoas, non queremos que este capital pase desapercibido por máis tempo e decidimos traelo á portada. A partir de agora, por aquí irán desfilando todos os novos socios e como alguén tiña que ser o primeiro, comezamos con estas dúas mozas que elas mesmas se presentan:
"Somos Irene e Raquel, ou o que é o mesmo, ekinocio. Estudamos Publicidade e RRPP en Pontevedra, e levamos desde o 2005 facendo da creatividade o noso medio de vida. O noso pequeno obradoiro de soños está na zona vella de Compostela. Alí facemos e desfacemos, xogamos con cores, formas e letras, probamos materiais... damos xeito aos proxectos alleos converténdoos nos nosos. Como case todos os que se dedican a isto dámoslle a moitos paus distintos, desde as imaxes corporativas ata as webs, pasando por todo tipo de gráfica aplicada, pero recoñecemos que o papel aínda nos ten cativadas. Asociámonos á DAG porque cremos na conciencia do colectivo, na mellora e dignificación da profesión, na filosofía de compartir e non competir... porque queremos participar e vemos nisto unha forma xenial de facelo."