Carballo acolle a primeira edición do Cañas y Tipos de 2025
O próximo 22 de febreiro temos nova cita co deseño tipográfico no espazo Movidas Coworking de Carballo. Esta primeira edición do 2025 contará coa presenza de Maite Canet e Manuel Griñón. A entrada é de balde ata completar a capacidade do local.
Deseño: @yolandago_ig
A edición galega de Cañas y Tipos trasládase ata Carballo, concretamente ao espazo Movidas Coworking onde, ademais das charlas matinais a cargo de Maite Canet e Manuel Griñón, poderemos gozar do Tipobingo, unha parte importante destes encontros que sortea pezas e material doado por deseñadores e deseñadoras entre as consumicións que se realicen no local organizador. Pola tarde Maite Canet impartirá un taller de bordado tipográfico para o que xa non hai prazas dispoñibles.
Este é o quinto Cañas y Tipos que se organiza en Galicia. O primeiro foi no espazo Sar 53, de Santiago de Compostela con María Peinado y Rubel Prol como protagonistas. O segundo foi na Coruña con Manchea e Robert Janes. O terceiro celebrouse na cidade de Pontevedra, concretamente na sede da Asociación Cultural Kentada e contou con Marcos Dopico e Zeltia Iglesias. O cuarto fíxose de novo en Santiago de Compostela, na Escola Unitaria, e acolleu as charlas de Laura Meseguer e Berio Molina.
O evento en Galicia está organizado polos socios de DAG María Ramos e Daniel Pino, xunto con Bernardo Paz, Yolanda González e Carla Bautís. A entrada é de balde ata completar o aforo.