Cenlitros, Marcos Dopico e Desoños gañadores dos Premios Paraugas 2023
O pasado 17 de novembro celebrouse no Teatro Jofre de Ferrol a gala de entrega dos VIII Premios Paraugas onde Xabier Rilo e Ricardo Tubío xunto con Marcos Dopico recibiron o premio ao mellor deseño gráfico; e os compañeiros de Desoños, Noelia Estévez, Carlos Álvarez e Susana González, gañaron o premio ao mellor deseño dixital pola web AR\DE.
A gala foi conducida polos xornalistas Luis Fraga e María Lamela e congregou a un gran número de profesionais e empresas ligadas á cadea de valor do sector da comunicación que engloba o Clúster da Comunicación: deseño, impresión, márketing, creatividade, comunicación e eventos.
De entre 300 inscricións e 55 finalistas, na categoría de deseño temos que felicitar aos socios Xabier Rilo, Marcos Dopico, Noelia Estévez, Carlos Álvarez e Susana González porque os seus traballos foron merecedores de premio. Por un lado, os Cenlitros coa imaxe corporativa deseñada para a empresa galega Mobalco, que desenvolveron coa implicación de Marcos Dopico no deseño da tipografía; e polo outro, Desoños, que presentaron o deseño web creado para AR\DE, un proxecto interno de DAG con moita proxección de futuro, que nos fai especial ilusión. No apartado de deseño industrial ou de produto o premio foi para Lavelle Fireroad de Pablo Iglesias.
Na entrega de galardóns tamén se deron dous premios honoríficos. Un para o publicista de renombre internacional Luis Bassat e outro para a xornalista Rosa Vila.
Este ano, ademais do resto de categorías, houbo dous premios especiais: o Premio Paraugas Novos Talentos foi para Elena Bengoa Fernández polo proxecto Retratados; e o Premio Paraugas de Ouro para Recados Carmen con Balidea e AtlanTTic da Universidade de Vigo polo proxecto Reto FaIAI.
O xurado dos premios estivo conformado por persoas especialistas en cada categoría. A organización contou con varios socios e socias de DAG para levar a cabo a selección nas categorías de impresión e deseño: Alberto Carballido de Novagarda, Conchi Mayo directora de Dardo e presidenta da Fundación Didac, Alberto Rodríguez deseñador en Fundación USC - Servizo de Edición e Impresión Dixital, e Carmen Bouza, deseñadora de produtos dixitais en Accenture Song.