Chega o Congreso de Tipografía de Valencia
A cita será esta fin de semana, do 1 ao 3 de xullo. Na edición deste ano, que leva por título Tipografía pública, a organización propón unha reflexión acerca do papel da tipografía en todos aqueles aspectos relacionados co sentido do público.
Podemos falar de tipografía de utilidade pública? En que medida pode a tipografía contribuír ao público? Pode cubrir as necesidades de certos colectivos excluídos e axudar a resolver problemas sociais? Existe unha tipografía activista? Como contribúe a un mellor acceso á información de interese público? son algunhas das cuestións que se abordarán neste 7CIT.
O programa para este 2016 vén cargado de actividades: obradoiros, conferencias, mesas de traballo, comunicacións, mesmo un mercado tipográfico! Mais, de entre todas estas interesantes propostas, temos que destacar especialmente a da nosa socia Uqui Permui, quen o domingo, dentro da sesión dedicada á tipografía activista, presentará a comunicación A letra feminista na rúa.
Neste traballo, a autora analizará as distintas formas gráficas empregadas polos movementos feministas desde os anos sesenta. Como punto de partida, examinará algunhas desas experiencias activistas desenvolvidas en diferentes lugares, estudando as semellanzas e diferenzas entre elas. Compararanse exemplos, procurando trazos identitarios na caligrafía, no lettering e na tipografía utilizada, analizando as preferencias gráficas dos colectivos feministas. Para acabar, a comunicación centrarase nun proxecto realizado para unha campaña institucional de deseño social contra a violencia machista que se desenvolveu en Santiago de Compostela, en novembro de 2015. A partir destes rexistros, e con base na experiencia persoal, tanto no campo do activismo feminista como na realización de encargas institucionais sobre o tema, a autora tirará algunhas conclusións, que poidan abrir o debate de se a gráfica feminista continúa a ser subversiva cando é asumida polas institucións e pola sociedade, o polo contrario, isto pode desactivala.