Chega unha nova edición do FEED
O FEED, o foro de deseño de carácter bianual que organiza a DAG, Asociación Galega de Deseño, co patrocinio de AGADIC chega á súa quinta edición sen perder o espírito co que naceu: servir de punto de encontro para compartir as experiencias de profesionais do deseño, tanto galegos como de ámbito nacional.
Como xa vén sendo habitual, no programa conviven as distintas vertentes da disciplina: deseño gráfico, deseño de produto, deseño dixital, deseño de estratexia ou deseño de servizos, as cales serán abordadas ao longo de dous días moi intensos: venres 4 e sábado 5 de outubro, con xornadas divididas en sesións de mañá, dedicada cada unha delas a un obradoiro, e sesións de tarde, con varias conferencias programadas para cada día.
Os obradoiros terán lugar ambos en DIDAC. O primeiro deles, Pasando revista, a cargo de Artur Galocha, desenvolverase o venres 4 de outubro entre as 09.30 e as 13.30 h. Catro horas en que os participantes terán que conceptualizar e dar forma a unha revista. O sábado día 5 de outubro, no mesmo horario, será a vez do deseñador UX Danny Saltaren e do seu obradoiro dixital enfocado na xestión de equipos e na mellora de procesos.
Polo que respecta ás conferencias, estas decorrerán na sala Mozart do Auditorio de Galicia a partir das 15.30 h da tarde. O primeiro día contaremos coa presenza de María Ramos, Artur Galocha, Carmen Lanza e, como colofón, un pechakucha de alumnos das distintas escolas de deseño de Galicia. O segundo día, os relatores convidados serán Rocío Martinavarro, Ánxo López, Sara Regal, Dani Bembibre e David Silvosa, e Teresa Jular, con cuxa intervención se pechará o evento.
O FEED 2019 conta co apoio fundamental de AGADIC e da Xunta de Galicia; e este ano, ademais, coa colaboración do Concello de Santiago, Auditorio de Galicia, Fundación DIDAC, Agencia Gráfica, Axeitos&Co, Serilúa, Fedrigoni e as Escolas de Deseño de Galicia.
Información e inscricións na web do foro: