Comezou a rolda de presentacións de Máis que ver
En efecto, o novo libro de Pepe Barro Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza xa está na rúa.
Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza é unha obra concibida polo autor para axudarnos a pór en perspectiva moitas pezas galegas de deseño gráfico, dándonos o contexto histórico e os coñecementos de linguaxe visual que nos permitan comprendelas en toda a súa complexidade e valorar a súa conexión coa cultura e a sociedade galegas.
Aqueles interesados e interesadas en, ademais de lerdes estas 100 historias, escoitalas da boca do propio Pepe, tedes agora unha magnífica oportunidade, xa que comeza unha rolda de presentacións que o levarán por toda Galiza. Apuntade ben as datas, porque a primeira xa é mañá:
xoves 11 de outubro: Escola Superior de Deseño Industrial (EUDI) de Ferrol
martes 16 de outubro ás 11.30 h: Salón de actos da EASD Ramón Falcón de Lugo
mércores 24 de outubro: EASD Pablo Picasso da Coruña
xoves 25 de outubro: Libraría Couceiro de Santiago de Compostela
xoves 8 de novembro: Libraría Lume da Coruña
martes 20 de novembro: ESAD Antonio Faílde de Ourense
E para os que non poidades agardar, aquí tedes un pequeno aperitivo, o limiar deste Máis que ver que comeza así:
Imos ver
Construír o pasado é tamén un xeito de avanzar. Non é un paradoxo, construír é aquí desvendar, é visualizar −falamos de ver−, é chantar os alicerces dunha profesión, é tamén xuntar unha bagaxe que axude a entender a cultura propia. Construíndo con palabras, con cada ringleira redactada, ollamos a vida das imaxes idas, velaí, si, un paradoxo. As palabras conducen o pensamento, as imaxes exprésano a maior velocidade, nun chiscar de ollos. Pero non sempre somos conscientes de percibir as súas mensaxes, afixémonos a engulilas no maxín coma quen respira, poucos as ven, pero son e están, e constrúen un discurso tan potente ou máis que os edificados con palabras. Nunha cultura fortemente logocéntrica, onde a palabra é signo e símbolo do país que somos, poucos albiscan o deseño detrás das imaxes: desbotamos un patrimonio fabuloso, mesmo de historias que contar. Somos anicónicos consumidores de imaxes, sen decatarnos sequera da forma máis minúscula das letras que lemos e escribimos. Só algunhas persoas entre nós foron e son quen de entender o vocabulario e manexar a sintaxe das imaxes, non son seres estraños, son profesionais do deseño gráfico. Velaquí tamén neste libro uns poucos consignados até onde eu puiden facer nestes breves apuntamentos, artigos cinxidos, a maior parte, ao espazo da sección «Botar un ollo» do semanario Sermos Galiza. Cinxidos tamén ao tempo extra dun deseñador. Non está todo, nin todos e todas: canto máis escribo máis asuntos de interese aparecen, canto máis me dedico máis vexo e máis me queda aínda por ver.