• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
concursos
16-03-2023 11:51:51

Concursos de deseño non profesionalizados = nefasto resultado

Esta é a conclusión á que chega o sector despois de ver o resultado do Concurso de Deseño para o cartel anunciador do «Arde Lucus» organizado polo concello de Lugo, onde ​unha vez máis, hai un mal plantexamento do proceso e o resultado é nefasto

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Tanto a DAG como outras asociacións de deseño de ámbito nacional dentro de READ, que vimos denunciando desde hai anos este tipo de concursos abertos e pouco profesionais, alzamos unha vez máis a nosa voz para que as administracións, empresas e institucións sexan responsables no seu facer e non promovan concursos especulativos deste tipo. 

A DAG está aberta a colaborar coas entidades convocantes para que os procesos sexan xustos, profesionais e acaden un resultado esperado. Non é a primeira vez que o facemos en Galicia. Está o exemplo da «chamada a proxecto» da imaxe corporativa do Concello de Pontevedra, con quen traballamos man a man na definición da convocatoria e no proceso de selección de candidaturas.​ Pero hai outros moitos a nivel nacional que poden tomarse como base para exercer unha boa política pública de deseño.​​

Como deben ser os concursos profesionalizados de deseño que garanten un resultado óptimo e un proceso limpo​?  

  1. En primeiro lugar, a convocatoria debe estar definida de forma correcta, clara e debe conter todos os puntos necesarios para que a encarga sexa a axeitada: ​obxecto da convocatoria, descrición da encarga, requisitos de participación, fases en que se divide o procedemento, tempos de execución, recepción de documentación,​ criterios de valoración de candidaturas, xurado e membros do comité asesor, remuneración, outras consideracións como a cesión de dereitos de autoría... 
  2. Debe ser pechado a profesionais que poidan acreditar o exercicio da súa profesión, de forma independente ou dentro dunha empresa adicada ao deseño.  
  3. Os e as profesionais deben presentar a súa candidatura a través dun dossier ou portfolio de traballos que amosen proxectos, con especial atención a aqueles máis relacionados co obxecto da convocatoria.    
  4. O xurado debe ser profesional desde o comezo e estar formado por representantes da entidade acompañados por un comité asesor formado por profesionais do sector do deseño.​ O xurado pode seleccionar unha candidatura ou varias en función das necesidades da convocatoria.​​ 
  5. Se a relevancia do concurso require a presentación de propostas, deberá organizarse por fases:​​ selección previa de candidaturas mediante portfolio e outras consideracións técnicas e económicas, e selección de varios equipos de deseño (mínimo 3) para que presenten unha proposta. Estas propostas serán remuneradas cun importe razoable e asumible.   
  6. A cesión de dereitos de autoría sempre debe estar​ consensuada entre as partes; igualmente, calquera modificación da propost​a e os usos da mesma nos diferentes soportes de comunicación. ​​

No caso deste concurso en concreto, do cartel anunciador do Arde Lucus 2023, a demanda de propostas entre persoas non profesionais e a participación dun xurado popular fixeron que a primeira selección resultara un plaxio da obra que realizou o estudio de deseño Yinsen para as Fallas de Valencia en 2018, obrigando á retirada da obra gañadora e seleccionando unha segunda proposta. 

Sabemos o complexo que é introducir mudanzas nos procedementos dentro das administracións públicas, pero unha boa práctica na contratación de deseño pasa por ter en conta estas consideracións previas, mellorando con elo a boa percepción da cidadanía e dos sectores profesionais que traballamos diariamente coa administración. 

Desde a DAG ademais queremos reivindicar a figura do deseñador e da deseñadora. O deseño é unha profesión recoñecida e como tal calquera encarga relacionada co deseño e as súas disciplinas, veña da administración pública ou dunha entidade privada, debe ser realizada por profesionais.​​

Calquera entidade que precise máis información sobre a convocatoria de concursos ou coñecer máis en profundidade o exercicio das boas prácticas na contratación de deseño, pode poñerse en contacto con DAG, ademais de consultar previamente o Estudo do Deseño elaborado en 2020, e a web Contratar Diseño desenvolvida polos nosos compañeiros da ADCV.

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.