Conta atrás para o 9ENAD
O 9º Encontro Nacional de Asociacións de Deseño, que terá lugar en Santiago de Compostela do 15 ao 17 de outubro, acaba de activar a súa web para recibir as inscricións ás mesas de traballo e ofrecer xa información sobre o programa e participantes do evento. Coas restricións actuais de aforos terase en conta a orde de chegada das solicitudes.
Un dos eixos fundamentais dos ENAD son as mesas de traballo onde as persoas interesadas poden intervir e aportar ideas. Non só participan profesionais do deseño e representantes das asociacións de deseño, senón tamén outras entidades e institucións coas que construír novas iniciativas que den valor ao deseño. Este ano traballarase con From Spain With Design (FSWD), Arquivo do Deseño, Proxectos Internacionais, Gráficas en Negro e Boas Prácticas. Haberá ademais unha mesa pechada, a de Estratexia do Deseño.
O programa presenta dous días completos de actividade. O venres 15 ábrese a xornada con conferencias e presentacións de proxectos e pola tarde concentra toda a dinámica das mesas de traballo. O sábado 16, pola mañá ademais das conferencias e dunha mesa sobre contratación de servizos de deseño, presentaranse as conclusións das mesas de traballo. A última hora da tarde, xa de forma máis distendida, gozaremos do Showroom de festivais e eventos de deseño en España e a presentación da WDC Valencia 2022. Para a xornada do 17 estase planeando unha visita guiada para coñecer ás instalacións de Sargadelos en Sada (A Coruña) e o proxecto A2Velas.
Debido á situación na que nos atopamos as prazas son limitadas e todas as actividades estarán suxeitas ás restricións de aforo no momento de celebración do evento. Para aquelas persoas que non poidan asistir, as conferencias serán tamén retransmitidas en directo a través da canle de youtube de READ. Calquera cambio no programa será comunicado a través da web.
O 9ENAD é unha actividade organizada por READ (Red Española de Asociaciones de Diseño) e por DAG (Asociación Galega de Deseño). Está patrocinada pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), do Museo do Polo Galego e da World Design Capital Valencia 2022. A imaxe gráfica foi creada polos nosos compañeiros Adrián Parcero de Guillotina Estudio e Ángel Ramos.