Creafogar, un espazo efémero de deseño galego
Este venres 20 de setembro inaugúrase Creafogar, un evento de deseño onde unha vivenda cunha longa historia de vida é sometida a unha renovación de imaxe con propostas de deseño de creadores e creadoras galegas, con participación de socios e socias DAG.
Durante vinte días unha vivenda sita na rúa Nova de Santiago de Compostela permanecerá aberta ao público, tanto profesional como xeral, para ofrecer e mostrar o traballo de deseñadores e deseñadoras galegas, entre elas Ana Besada, Idoia Cuesta ou Luis Lago, compañeiras da DAG. A lista de participantes é moi ampla e busca dar a coñecer tanto ás persoas que hai detrás de proxectos singulares como pezas de interiorismo feitas en Galicia.
Todo xira ao redor dun tema común: o fogar. As promotoras deste proxecto, as interioristas Almudena Fernández e Bea Barril, revalorizan con esta acción un inmoble en desuso dentro do casco histórico de Santiago respectando a arquitectura orixinal da vivenda e crean un proxecto de interiorismo sostible, poñendo en valor os recursos naturais e materiais de Galicia.
Ademáis das visitas guiadas que se poden concertar ata o 9 de outubro, hai programados faladoiros, relatorios, mesas redondas, presentacións de proxectos e obradoiros para que a experiencia co público sexa o máis ampla posible.