Crónica da visita á Guarda
O deseñador Pepe Barro elaborou para a DAG unha crónica da visita á Guarda realizada o pasado 18 de outubro para coñecer as marcas gráficas dos mariñeiros
Rica santa Tegra dános o vento de popa que somos deseñadores e temos a pluma rota. Á volta, antes de abandonar o cumio do monte Tegra, o noso presidente Suso Vázquez subiu ao tellado da capela da santa, revirou unha tella e soprou nela. Cumpriu o rito tal como na mañá dese mesmo sábado nos ensinaran os irmáns Ferreira. Cumpriu co rito de chamar polo vento tal como os antigos patróns reclamaban o pulo necesario para volver ás súas casas desde o refuxio do porto da Guarda. Foi no sábado 18 de outubro cando percorremos toda a autoestrada do Atlántico, de norte a sur e mesmo de Lugo viñeron dous compañeiros a embarcar á Coruña. Ás 8:00 h, a nosa dorna xeiteira, o noso microbús, corría xa a velocidade de cruceiro con varios deseñadores a bordo. Santiago-Pontevedra-Vigo. Na última parada a tripulación estaba completa, vinte e un deseñadores e deseñadoras e dous arqueólogos, Antón Malde e Elisa, a súa colaboradora. Ás 11.30 h foi a arribada á Guarda e como estaba previsto, sen tempo para un café que nos espelira da viaxe, subimos desde a ribeira a rúa do Calvario toda para petar na porta da sede da Asociación Naturista do Baixo Miño. Os irmáns Ferreira acolléronnos no seu local ateigado de aparellos de vellas gamelas, remos, boureis, carros... e por todas as partes as marcas dos mariñeiros xunto ás fotos dos seus propietarios. Antón Ferreira tiña xa disposto o proxector e a pantalla para facer unha síntese elocuente do como e porqué das marcas. Un prodixio, un tesouro que os deseñadores galegos fariamos ben en valorar e coidar. Velaí unha práctica e un patrimonio único en Galicia, que saibamos, un repertorio gráfico que os guardeses partillan cos mariñeiros da Póvoa de Varzím, colegas cos que mantiveron estreitas relacións de mar e traballos. Marcar a propiedade de redes e outros aparellos é a función nunha comunidade antigamente pouco alfabetizada. A madeira, a cortiza, grávanse a navalla ou a gubia, materia e ferramenta fornecen unha forte personalidade a un conxunto que Antón Ferreira cifra en catrocentas marcas, xuntadas unha por unha, preguntando, indagando entre o desinterese de protagonistas e autoridades.
Pero non son só as formas angulares, lineais, encrucilladas as que chaman a atención, é o valor de auténtico sistema, dun procedemento de transmisión familiar, declinando unha forma básica que é a que identifica o petrucio e que logo ha herdar o fillo que quede na casa. Pregunta Antón Ferreira cal é o interese dos deseñadores galegos neste asunto e os vinte e un respondemos que vimos aprender, que aquelas marcas, vistas agora marcando as madeiras do traballo, son un poderoso conxunto, antigo e contemporáneo a un tempo.
Houbo tempo de saborear as leccións aprendidas cuns grolos de cervexa na vila e botar unha parola entre colegas no xantar arranxado diante da foz do Miño, en Camposancos, co Atlántico teimando en impedir que o río deite as súas augas no mar maior.
O sol salgado acompañounos na subida ao monte Tegra, preparando a tarde tamén para aprender. Queriamos ampliar os nosos coñecementos da Cultura Castrexa, aquí, onde por vez primeira en Galicia se escavou un castro, e para tal fin, ninguén mellor que o arqueólogo Antón Malde que viaxou con nós desde A Coruña. Antón non só atende o que pasa debaixo da terra, a súa é tamén unha arqueoloxía que busca socializar o coñecemento extraído. Co seu rigor intelectual, no medio das ruínas da “citania” Malde púxonos diante dunha comunidade de amplos saberes, cun urbanismo ben artellado e unha arquitectura que logra o traballo co ferro, para construír a fachenda comunal das casas circulares de pedra. No museo, Antón centrou a nosa atención nos principais achados alí atesourados, subliñando o carácter dunha sociedade orgullosa e nada primitiva.
Foi o remate dun día de compañeiros e colegas. Entre o saber e o lecer, todos folgamos. Santa Tegra procurou o vento e a nosa dorna xeiteira de Autos Rico arribou á Coruña, último porto, ás 22.00 h Velaí a bitácora dun día cumprido. Ligazóns relacionadas: Imaxes da visita no facebook da DAG: https://www.facebook.co/permalink.php?story_fbid=827163017327807&id=149460691764713 https://www.facebook.co/permalink.php?story_fbid=827177487326360&id=149460691764713 Pdf libro "As marcas dos mariñeiros da Guarda" de Antón Ferreira: http://www.medioruralemar.xunta.es/fileadmin/arquivo/mar/Divulgacions/outros/marcadaguarda.pdf Proxecto Signum (International society for mark studies): http://markstudies.org/ Descargar artigo de Joam Evams Pim para re:marks (Journal of Signum): From Marks to Ogham: Rethinking Writing in Gallaecia: