DAG participa da Asemblea Anual de READ en Granada
A pasada fin de semana, Uqui Permui e Laura Alonso, como representantes de DAG, acudiron á Asemblea Xeral de READ en Granada. Coma sempre, serviu para poñer en común o traballo realizado e para coñecer o ecosistema do deseño en Andalucía.
A xuntanza tivo lugar no Museo Caja Granada, o venres 8 e o sábado 9 de marzo. Dous días de convivencia entre os e as representantes das trece asociacións que actualmente formamos parte de READ onde ademais da propia asemblea, participamos de varias actividades organizadas pola asociación anfitrioa, AAD.
O venres 8, a primeira hora da tarde, deu comezo a asemblea de READ. Nela tratáronse distintos puntos da orde do día, aprobáronse as memorias de actividades desenvolvidas pola asociación neste curso e marcouse a folla de ruta para o seguinte ano. Tamén se revisaron as necesidades e desexos dos grupos de traballo, aínda que ao día seguínte se presentaron de forma máis completa. A xornada rematou coa asistencia á manifestación en torno ao Día da Muller, organizada no centro de Granada. READ despregou as bolas de «O feminismo vai para Bingo» proxecto do grupo de Gráficas en Negro cuio material foi confeccionado polas compañeiras de DIP Murcia.
O sábado 9 a xornada comezou cunha presentación marco da situación da asociación AAD e dos proxectos que están a desenvolver. Posteriormente, Uqui Permui, como coordinadora dos Grupos de READ, foi presentando cada un deles, valorando de xeito moi positivo a actividade deste ano, que conta dende o ENAD cun novo grupo: Desenvolvemento territorial e ruralidade. Destacar tamén o traballo do Grupo de Educación e deseño que nos avanzaron a presentación do MIEDE’24, Manifesto pola Innovación na Educación do deseño en España; unha labor moi significativa de cara a impulsar a innovación nos estudos de deseño. Tamén importante o traballo do Grupo de Boas Prácticas, e o de Internacionalización, que está a poiar o proxecto de FSWD para a súa exhibición fóra de España.
A actividade proseguiu cunha visita guiada polas exposicións no Museo Caja Granada. A tarde comezou cunha comida conxunta e rematou cunha visita nocturna á Alhambra de Granada.
Dous días, ó fin, de conversas, experiencias compartidas e novas ideas en torno ao deseño que, agardemos, tomen forma no que resta de ano.