As asociacións DAG e PuntoGal inician unha etapa de colaboración
A Asociación Galega de Deseño asinou un convenio coa asociación xestora do dominio .gal para promover o seu uso entre os e as profesionais do deseño.
Segundo palabras do seu presidente, Manuel González González, PuntoGal busca «promover este tipo de convenios, fundamentalmente, en proxectos asociativos relacionados coa cultura e a tecnoloxía». Dende PuntoGal subliñan o papel central que profesionais do deseño e estudios de deseño desempeñan na internet galega, e máis neste momento no que a conexión entre persoas e empresas se presenta como algo esencial.
Pola súa banda, a nosa presidenta, Irene García, quixo agradecer a colaboración de PuntoGal, resaltando que esta iniciativa «afonda nas relacións entre asociacións con obxectivos comúns, na procura de visibilidade e nunha clara aposta polo valor do noso». Dende a Asociación Galega de Deseño seguimos a traballar para crear canles de comunicación que contribúan ao bo funcionamento do noso sector e que faciliten ás persoas asociaciadas o desenvolvemento da súa profesión.
Segundo o acordo asinado, as socias e os socios da DAG poderán beneficiarse dun prezo reducido na compra de dominios .gal, a través dunha das dúas entidades colaboradoras (Dinahosting e Entorno Digital). Búscase ofrecer o dominio galego a un prezo máis accesible e así fomentar o seu uso dende o sector do deseño.