Seminario 14x14 en Casa RIA
Un espazo para dialogar sobre o papel do deseño na sociedade contemporánea e a súa relación co territorio, a produción, a cultura e a cidadanía.
Participantes no Seminario 14x14 en Casa RIA. Fotografía de Xoán Vázquez
O evento, celebrado o pasado 15 de xuño en Casa RIA, reuniu a 14 profesionais de referencia para reflexionar sobre o papel do deseño como ferramenta de transformación cultural, económica e territorial de Galicia. A iniciativa estaba enmarcada na exposición «Deseño para vivir. Material, proceso e obxectos cotiáns», artellada ao redor do traballo de deseño de David Chipperfield, na sede da Fundación RIA.
Ao longo da xornada, profesionais do deseño, da artesanía, da comunicación, docentes e investigadores tomaron parte nunha serie de conversas estruturadas arredor de nove grandes bloques temáticos: territorio como recurso, artesanía e deseño, deseño e industria, luxo e accesibilidade, formación, cultura do deseño, ecosistema do deseño en Galicia, paisaxe visual e acción pública.
Entre as persoas participantes neste espazo de diálogo e posta en común estaban Miguel Leiro, Xabier Rilo de Cenlitros, Ismael Velo, Suso Vázquez de Desescribir, Charo Froján e Alfredo Olmedo de D-DUE, Álex Rico, Dani Bembibre de Costa, Raquel Boo (representando a DAG), Silvia García, Idoia Cuesta, Ana Tenorio, Aitor Martínez e Paula Ojea; ademais do propio Chipperfield, Evelyn Stern e Manuel Rodríguez da propia Fundación.
As conclusións do encontro recolleranse posteriormente nunha publicación que permitirá dar continuidade aos debates e reflexións xurdidos durante a xornada.