Deseño no confinamento
Ao longo destes meses de illamento social derivado da crise sanitaria e económica provocada pola COVID-19, Internet e as diferentes plataformas online foron a mellor compaña para todos e todas.
Desde o inicio do confinamento, xurdiron e compartíronse polas redes numerosos e variados contidos relacionados con diferentes temáticas, e o deseño non ía ser menos. Proxectos personais ou colectivos, podcast, documentais en aberto, eventos virtuais, webinarios e webs que buscaban un achegamento entre os e as profesionais do deseño, e que serviron tamén para compartir experiencias, ideas e solucións de produtos ou aplicacións para mellorar a vida das persoas neste momento e nun futuro inmediato. A difusión deste tipo de contidos a través da rede permite chegar a un público máis diverso, ávido de coñecemento. Que o deseño estivera aí, completando parcela virtual e participando da vida das persoas, aviva esa necesidade de que se teña en conta como un “solucionador” ante os problemas xurdidos, para repensar as cidades, o consumo de produtos e servizos e, en xeral, as nosas vidas.
Os nosos socios e as nosas socias tamén participaron nalgúns destes contidos. Falamos por exemplo de Noemí Cortizas que apareceu no #zapatillasFromMars; ou Anxo López, que foi un dos invitados ao webinario From Spain With Design, organizado por READ e que estivo moderado pola nosa compañeira Uqui Permui. Uqui tamén participou nunha playlist de deseño feminista ligada ao proxecto Diseño y Diáspora, e Dani Bembibre foi protagonista do webinario Y ahora qué?, organizado por AEBRAND. O noso socio Óscar Otero lanzou Conxeito, un boletín semanal sobre deseño dixital con contidos complementarios de grande interese; e María Ramos colaborou co proxecto Fálame, unha web ideada por dous deseñadores galegos emigrados a Estados Unidos, Pablo Honey e Tino Barreiro, que pretende dar difusión á nosa lingua. O socio Alberto Rodríguez, despois de anos de traballo, lazou a web lamarcacompostela onde amosa diferentes maneiras de usar o símbolo da cuncha. Sumamos tamén iniciativas que ofrecen recursos para afrontar a situación que vivimos, é o caso dos nosos compañeiros de Desoños, que crearon unha serie de carteis para o comercio local, adaptados á reapertura de negocios e dispoñible para a descarga gratuíta.
Podedes ver estes e outros contidos de interese, relacionados directa ou indirectamente co deseño, no seguinte documento.