O deseño estará presente na 1ª edición do Festival Plataforma
Santiago de Compostela será o escenario dun festival de artes performativas que bota a andar esta semana: Plataforma. O seu programa inclúe accións, conversas, exposicións e concertos en distintos espazos da cidade.
O festival inicia a súa programación o xoves 10 de setembro no Museo das Peregrinacións, coa presentación do futuro pavillón-plataforma ideado polos nosos socios de cenlitrosmetrocadrado. Esta construción é froito da colaboración da organización e o estudio como parte do propio festival. Os compañeiros de cenlitros explicarán a súa conceptualización e posibles usos de cara á súa contrucción para a próxima edición do festival. A xornada inaugural continúa cunha charla sobre tipografía da nosa compañeira María Ramos, na que falará das posibilidades da tipografía contemporánea e do caso concreto do seu proxecto Movement. A primeira xornada remata coa conversa entre as persoas relatoras e a concelleira de Acción Cultural Mercedes Rosón, que estará moderada por David Barro e dará paso a unha serie de accións performativas do artista Juan López, en colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.
O Festival estende a súa programación ata o venres 18. Una semana chea de actividades que convidan a reflexionar sobre o espazo público. Os fíos conectores entre distintas disciplinas artísticas —visuais e sonoras— vertebran este novo festival, que conta coa colaboración de distintas institucións para converteren a cidade na auténtica protagonista da súa programación.
As actividades do festival son gratuítas, aínda que, seguindo as recomendacións sanitarias e a legalidade vixentes, teñen limitacións de público. É necesario o rexistro previo para asistir.