O deseño social protagoniza a participación de READ na Dutch Design Week
O grupo de traballo From Spain With Design (FSWD), en colaboración co Ministerio de Cultura, leva a Eindhoven unha representación do deseño estatal e galego con proxectos enfocados na inclusión, a colaboración comunitaria e a sensibilización fronte ás violencias machistas.
Traballadoras de invernadoiro en Tomiño. Campaña «En Negro contra as violencias»
Durante a xornada profesional Mission Days, o encontro «Complicidades entre o deseño e as persoas» serviu de espazo para explorar o potencial do deseño ante os grandes retos sociais. A programación iniciouse coa presentación do proxecto From Spain With Design (FSWD) a cargo de Gloria Escribano e Ángel Martínez, como plataforma de promoción internacional. A continuación, Juan Lázaro expuso a experiencia de Musas Inclusivas (DIVERS+S) en materia de accesibilidade en museos e música en Castela-A Mancha, pola súa banda, Álvaro Catalán de Ocón compartiu xunto a Pascale Theron os seus proxectos con Pet Lamp e ACdO, destacando a importancia do territorio, os materiais locais e a improvisación nos procesos creativos. A xornada completou este bloque con Together We Design, iniciativa de Marta Pascual no barrio madrileño de Tetuán, e os seu posterior diálogo con Petra Janssen (Social Label) sobre a creación de pontes entre educación, ecodeseño e profesionalización.
A intervención da deseñadora e socia da DAG Uqui Permui centrou o peche da xornada coa presentación do proxecto En negro contra as violencias, unha iniciativa de acción social orientada á sensibilización fronte ás violencias machistas. Permui contextualizou a intervención na realidade neerlandesa sinalando a ausencia dun rexistro específico de feminicidios no país, a pesar de que os datos do Instituto Europeo da Igualdade de Xénero (EIGE) sitúan as súas cifras de asesinatos por enriba da media europea. A través dun percorrido visual polas intervencións desenvolvidas en Galicia e a súa posterior extensión a territorios como Canarias e México, a presentación xenerou un intenso debate sobre a capacidade da comunicación visual, o feminismo e a acción colectiva para interpelar á sociedade e promover a transformación social.
Ademais das sesións de traballo, a delegación aproveitou a estancia en Eindhoven para manter reunións con representantes de institucións clave do ecosistema do deseño. Destacaron os encontros con Nicoline Dorsman, responsable de internacionalización da Design Academy Eindhoven, para coñecer os proxectos do alumnado de máster, e con Dries van Wagenberg, do programa de alianzas da Dutch Design Week, co fin de explorar futuras sinerxías profesionais e creativas. A axenda completouse con contactos con entidades como Envisions, Atelier Fig, a Fundación We Are e o equipo de accesibilidade do Van Abbemuseum, abrindo vías de colaboración en materia de innovación e deseño social.