Desescribir e Roberto Núñez premiados na 49ª edición dos Laus
Os nomes dos galardoados fixéronse públicos a semana pasada nunha gala celebrada no Museo do Deseño de Barcelona.
Os Premios Laus de deseño, outorgados pola ADG-FAD de Cataluña, son os premios de deseño de maior prestixio en España e uns dos máis importantes en Europa. Desde 1970 recoñecen os mellores traballos realizados nos ámbitos do deseño, da publicidade e da comunicación. Cada ano, o xurado dos premios está integrado por algúns dos profesionais da comunicación máis relevantes do mundo.
De entre os máis de 1000 proxectos presentados en 2019, o estudio desescribir, formado por Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez, resultou premiado con dous Laus de Ouro, nas categorías de Mellor Deseño de Libro —polo libro Lugares de Vari Caramés publicado pola editorial Fabulatorio—, e na categoría ao Mellor Deseño de Cartel —polos carteis deseñados para a SELIC, a semana do Libro de Compostela.
Os premios súmanse a unha longa listaxe de recoñecementos entre os que podemos destacar os oito Premios Laus de Bronce e Plata obtidos en edicións anteriores, os dous Premios D&AD de Londres ou o Premio PHotoEspaña ao mellor libro de fotografía publicado en España.
Pola súa parte, o director creativo Roberto Núñez foi premiado cun Laus de Bronce na categoría de Deseño & Packaging polo proxecto Observador, un viño de Bodegas DAVIDE, da DO. Rías Baixas. Entre os membros do xurado encargado de valorar a categoría encontrábanse figuras nacionais e internacionais tan relevantes como Sascha Lobe de Pentagram ou David McFarline, entre outros.
Observador é un viño premium de edición limitada que ten a súa orixe nunha forma moi persoal de traballar, analizar e entender a natureza, a denominada viticultura reflexiva. O packaging conceptualiza a idea de Observador. Un texto gravado na base da botella, que tan só uns poucos consumidores chegarán a ver, tórnao posíbel. A proposta amplía o campo visual convencional dunha botella, xa que utiliza a base para xerar un diálogo inesperado co consumidor. A gravación do texto requiriu dun manipulado artesanal individualizado.
Con este proxecto, Roberto Núñez continúa acumulando casos de éxito en diferentes ámbitos da comunicación: estratexia, packaging, branding, campañas de comunicación etc. O premio Laus engádese ao histórico D&AD Awards, conseguido recentemente en Londres por Perfeccionista, outro viño de Bodegas DAVIDE, as recentes nominacións por ambos os proxectos de packaging nos premios de deseño americano Communication Arts, que este ano celebrarán a súa 60 edición, e os diferentes premios gañados en anos anteriores nos GRAPHIS de Nova York, no EL SOL-Festival Iberoamericano de Publicidade, e nos Premios Nacionais de Deseño Gráfico ANUARIA, entre outros.